Plan de tráfico con motivo da XXI Edición da Carreira Popular Lugo Monumental 2024

A carreira celebrarase o domingo 22 de decembro con saída ás 11:00 horas desde a Avenida Ramón Ferreiro.

Os cortes de tráfico afectarán a varias rúas e prazas da cidade, desde as 10:00 ata as 13:00 horas aproximadamente.

Venres, 20 de decembro de 2024
Fonte: 
Gabinete de Prensa

A XXI edición da Carreira Popular Lugo Monumental terá lugar o vindeiro domingo, 22 de decembro. Esta cita deportiva, que cada ano reúne a milleiros de participantes e espectadores, contará cun percorrido de 10 quilómetros para a proba de adultos, que dará comezo ás 11:00 horas na Avenida Ramón Ferreiro. Como é habitual, o evento combinará deporte, ambiente festivo e a posta en valor do patrimonio da cidade.

O concelleiro de Deportes, Jorge Bustos, explicou que, con motivo da celebración desta carreira, realizaranse cortes e restricións de tráfico en varios puntos da cidade para garantir a seguridade dos participantes e das persoas que transiten polas zonas afectadas. Para iso, establécese un operativo especial no que colaborará a Policía Local e o persoal organizador, que se encargará de delimitar o circuíto mediante valos e outros elementos de balizamento.
 
Sábado, 21 de decembro

Desde as 08:00 horas, será necesario liberar as prazas de estacionamento situadas na Avenida Ramón Ferreiro, entre a Rúa Salvador de Madariaga e a Avenida Alcalde Anxo López Pérez. Ademais, a partir das 22:00 horas, reservaranse espazos de estacionamento na Avenida Rodríguez Mourelo, Avenida Alcalde Anxo López Pérez e Praza da Constitución, que quedarán operativos novamente o domingo ás 14:00 horas.

Domingo, 22 de decembro

Os cortes de tráfico comezarán ás 10:00 horas e afectarán a Avenida Ramón Ferreiro, Rúa Alcalde Anxo López Pérez, Ronda da Muralla, Rúa Recatelo, Rúa Avelino Pousa Antelo, Rúa Puro Cora, Praza de Avilés, Avenida Rodríguez Mourelo, Praza Pío XII, Rúa Bo Xesús, Praza de Santa María, Travesía Dean Fernández Varela, Rúa dos Clérigos, Rúa do Bispo Aguirre e Rúa Vilalba.

Ás 11:00 horas terá lugar a saída da proba de adultos, cun percorrido de 10 quilómetros polas principais rúas da cidade. A circulación reanudarase de forma progresiva unha vez remate a proba, aproximadamente ás 13:00 horas, salvo na Avenida Ramón Ferreiro, que permanecerá restrinxida ata as 20:00 horas.

Durante a carreira, habilitaranse zonas de coexistencia entre corredores e vehículos no tramo da Ronda da Muralla comprendido entre a Rúa San Roque e a Rúa Montero Ríos, delimitado con conos. Ademais, garantirase a saída controlada de residentes nas rúas Cidade de Viveiro e Pascual Veiga por Rúa Puro Cora en dirección á Avenida Doutor García Portela.

Os días previos á carreira, instalaranse carteis informativos nos vados e accesos afectados para garantir que veciños e locais comerciais estean debidamente avisados. O Concello de Lugo agradece a colaboración cidadá e invita a toda a veciñanza a desfrutar deste evento deportivo que, un ano máis, converterá a cidade nun escenario de deporte e convivencia.

Noticias relacionadas