A alcaldesa participou na inauguración, xunto á edil de Cohesión Social e Territorial, e eloxiou á Asociación de San Xoán de Pena por recuperar a festa trala pandemia.
A rexedora fixo fincapé "na importancia das parroquias rurais na configuración do noso Lugo actual e destacou Nadela como punto neurálxico e nexo de comunicacións".
Ana González lembrou "o compromiso do Goberno local coa parroquia, onde se procedeu ao desbroce e limpeza de viais e da carballeira e á mellora do lavadoiro e das luminarias e cara a chagada desta celebración".

A alcaldesa de Lugo, Paula Alvarellos, asistiu esta mañá á inauguración da Feira de Entroido de Nadela, que esta fin de semana celebra ademais os seus 160 anos, sendo auténtico referente dunha das feiras máis tradicionais, que segundo apuntou a rexedora lucense "simbolizan a esencia da ideantidade lucense e definen, ao mesmo tempo, o noso rural".
Paula Alvarellos estivo acompañada pola concelleira de Cohesión Social e Territorial, Ana González Abelleira; e polos edís de Xestión Integral de Recursos Internos, e Xuventude e Deportes, Pablo Permuy e Jorge Bustos, respectivamente, con quen percorreu os distintos postos do mercado de produtos que caracterizan o evento. "Esta feira significa o compromiso coa conservación das tradicións como símbolo de identidade lucense, pero tamén de promoción dos produtos autóctonos, que definen o noso rural, a nosa gastronomía e o agro lucense", sinalou Alvarellos Fondo.
A rexedora municipal felicitou "a todos os veciños e veciñas da parroquia e moi especialmente á Asociación San Xoán de Pena, que o ano pasado recuperaron a feira despois do parón da pandemia e que fixeron posible que mañá se podan festexar eses 160 anos". Na súa intervención falou da importancia das parroquias rurais na configiración do Lugo actual, e chamou a atención sobre Nadela, como "punto neurálxico e nexo de comunicacións".
Tamén animou á mercar produtos autóctonos e de calidade. "Non podemos entender Lugo sen falar do noso sector agroalimentario, que hoxe está tan ben representado aquí. Este mercado tradicional pon a venda variedade, tradición e calidade, mostrando todo o seu potencial", sinalou.
Ademais, Paula Alvarellos, puxo en valor que "esta feira, co mercado de produtos gastronómicos, coa sua música e a participación da veciñanza nesta carballeira define e recolle á perfección a esencia das feiras lucenses".
Pola súa banda, a concelleira de Cohesión Social e Territorial, Ana González Abelleira, destacou "as actuacións que está a levar a cabo o Goberno local nesta parroquia, as máis recentes referidas ao desbroce e limpeza de viais, acondicionamento do lavadoiro e mantemento de luminarias". Os servizos municipais tamén interviron na contorna da carballeira para axudar á preparación do evento. Así o explicou González Abelleira, que chamou a atención sobre "o acondicionamento que se fixo do campo da feira, cun operativo de desbroce e limpeza que actuou en toda a carballeira, o movemento de contedores para un mellor acceso e montaxe da carpa, e o rebacheo do camiño que pasa por diante".




