Os bombeiros realizan un simulacro de rescate no tellado da Casa do Concello co novo camión escaleira de 42 metros

A Alcaldesa de Lugo presenciou este simulacro, acompañada polo Sarxento Xefe do Corpo de Bombeiros e por outros membros da Corporación Municipal

Mércores, 18 de maio de 2016
Fonte: 
Gabinete de Prensa
Os bombeiros realizan un simulacro de rescate no tellado da Casa do Concello co novo camión escaleira de 42 metros

O Corpo de Bombeiros de Lugo realizou este mércores un simulacro de rescate no tellado da Casa do Concello co novo camión escaleira que alcanza 42 metros de altura, o que equivale a unha planta 13 ou 14.

Neste simulacro, que foi presenciado pola Alcaldesa de Lugo, Lara Méndez, acompañada polo Sarxento Xefe do Corpo de Bombeiros, Miguel Vila, e por outros membros da Corporación Municipal, foi rescatada unha funcionaria da entidade local e que se atopaba no propio tellado do edificio. A finalidade foi para dar a coñecer á cidadanía o importante labor que realizan os bombeiros.

O Concello destinou á compra deste vehículo 950.000 euros. O camión escaleira, da marca alemá Magirus, facilítalle o traballo aos bombeiros, xa que o último tramo da escaleira, uns 6 metros, é articulado. Leva unha tubaria que permite a subministración directa de auga á zona da cesta, con capacidade para unhas 4 persoas con equipos de protección.

O Parque Municipal de Bombeiros conta cunha flota de 8 camións, na que tamén figura a escaleira de 30 metros de largo adquirida hai uns 25 anos e que pode estenderse ata unha sétima planta.

Características do vehículo

O camión, que se incorporou recentemente ao Parque de Bombeiros, dispón de tecnoloxía avanzada que permite altas prestacións. Por exemplo, memoriza as manobras realizadas nun espazo de quince minutos, repetíndoas automaticamente en caso de ser preciso, o cal facilita moito o traballo dos bombeiros en casos de especial complexidade.

Ademais, a escaleira conta con proxección perpendicular de subida e de baixada, así como cun grupo electróxeno capaz de accionarse dende o cesto e un sistema de iluminación que permite realizar manobras de rescate durante a noite. Para o seu manexo son necesarios dous profesionais, aínda que nas saídas nas que sexa preciso utilizalo sairán tres nel.

Multimedia

  • Os bombeiros realizan un simulacro de rescate no tellado da Casa do Concello co novo camión escaleira de 42 metros

Noticias relacionadas