Os bombeiros de Lugo atenderon unha media de 46 servizos ao mes durante xaneiro e xuño, e un 28% foron incendios

Os 42 profesionais do complexo lucense encargáronse dun total de 278 incidencias no primeiro semestre deste 2017, un 30% máis que o mesmo período do ano anterior

Febreiro foi o mes que rexistrou maior número de incidencias, un total de 88, 40 máis que o mesmo mes do ano pasado. Pola contra, os meses de menos actividade foron xaneiro e maio, con 35 actuacións

Sábado, 22 de xullo de 2017
Fonte: 
Gabinete de Prensa

Os bombeiros de Lugo atenderon unha media de 46 servizos ao mes durante o primeiro semestre do 2017, realizando un total de 278 incidencias entre xaneiro e xuño, un 30% máis que o mesmo período do ano anterior. Do total de actuacións, un 28% foron incendios en vivendas, alpendres ou vehículos, preto de 80. Ademais, durante os meses de xaneiro e xuño, os 42 profesionais do complexo lucense actuaron en 15 salvamentos ou rescatos así como outras intervención que obedecen a distintas casuísticas, como reitrada de materiais de vía pública, fugas de auga ou aperturas de portas. O servizo de bombeiros tamén rexistrou neste período un total de 47 falsas alarmas.  

En canto á distribución temporal, febreiro foi o mes no que se rexistrou o maior número de incidencias atendidas polos bombeiros, un total de 88, 40 máis que o mesmo mes do 2016, seguido de xuño, con 44 e abril con 42. Pola contra, os meses de menor actividade foron marzo, con 34 intervencións, e xaneiro e maio con 35.

Ao longo do primeiro semestre do ano, o Concello dotou ao Parque de Bombeiros dun furgón mixto, para o que destinou máis de 58.800 euros. Este novo vehículo súmase ao camión escada que alcanza 42 metros de altura adquirido o pasado ano por 950.000 euros.

Noticias relacionadas