Os Bolechas e Lugo, unidos para empoderar aos nenos e nenas

O Concello editou un conto no marco da iniciativa Empodérate!, un proxecto presentado e elixido pola cidadanía luguesa a través dos Orzamentos Participativos

Os Bolechas coñecen xente de Lugo incide na idea de que non existen profesións específicas para mulleres ou para homes. Imprimíronse 2.000 unidades deste libro, no que aparece unha árbitra de fútbol, unha arquitecta, un bailarín, ou un matrón, entre outros

Ten por obxectivo traballar en prol da igualdade, recalcando en que a elección profesional que as nenas e os nenos realicen no futuro non debe estar limitada polo seu xénero, senón polas súas inquedanzas persoais

Venres, 24 de maio de 2019
Fonte: 
Gabinete de Prensa
Os Bolechas e Lugo, unidos para empoderar aos nenos e nenas

A familia Bolechas visita esta tarde o Vello Cárcere para presentar a súa nova publicación, onde coñecen xente de Lugo. Trátase dun conto editado polo Concello no marco da iniciativa Empodérate!, un proxecto presentado e elixido pola cidadanía luguesa a través dos Orzamentos Participativos. Concretamente, esta iniciativa foi presentada conxuntamente pola Asociación de Mulleres Empresarias da Provincia de Lugo e a Asociación Edeid@des, sendo a terceira mási votada deste proceso participativo.

Os Bolechas coñecen xente de Lugo incide na idea de que non existen profesións específicas para mulleres ou para homes. O Concello imprimiu 2.000 unidades deste libro, que hoxe dende as 17:30 horas repartirán os propios protagonistas. Ten por obxectivo traballar en prol da igualdade no ámbito laboral dende idades temperás, para incidir en que a elección profesional que as nenas e os nenos realicen no futuro non debe estar limitada polo seu xénero, senón polas súas inquedanzas persoais. Nel aparece unha árbitra de fútbol, unha arquitecta técnica, un bailarín, unha adestradora de baloncesto, un matrón e unha investigadora de laboratorio, entre outros.

Esta publicación é o último paso da iniciativa, que contemplou tamén a celebración do obradoiro Empodérate!, nos meses de abril e maio, destinado a nenas e nenos de 6º de Educación Infantil e 1º e 2º curso de Educación Primaria, onde se deu visibilidade a unha ampla variedade de profesións e traballos, aportando a experiencia persoal de voluntarias e voluntarios que desenvolven a súa actividade laboral en ámbitos fortemente masculinizados ou feminizados, facendo fincapé en que non existen profesións de homes e profesións de mulleres.

Audio

Noticias relacionadas