O V Campionato Intercultural de fútbol 7 Copa da Amizade celébrase, por primeira vez, coincidindo coas Festas do San Froilán

Miguel Fernández, Ana Abelleira, Ana Bereciartúa e Gerber Martínez presentaron a quinta edición deste campionato, que terá lugar o mércores, 12 de outubro, no campo municipal de fútbol A Cheda

Luns, 10 de outubro de 2016
Fonte: 
Gabinete de Prensa
O V Campionato Intercultural de fútbol 7 Copa da Amizade celébrase, por primeira vez, coincidindo coas Festas do San Froilán

O Concelleiro de Deportes e Medio Rural, Miguel Fernández, e a Concelleira de Benestar Social, Igualdade e Inclusión, Ana Abelleira, xunto cos representantes das asociacións Rioplatenses de Lugo, Ana Bereciartúa, e de Perú-Lugo, Gerber Martínez, presentaron esta mañá no Salón de Plenos o V Campionato Intercultural de fútbol 7 Copa da Amizade, que terá lugar este mércores, 12 de outubro, no campo municipal de fútbol A Cheda. Esta é a primeira vez que este campionato se fai coincidir coas festas do San Froilán, xa que as catro edicións anteriores celebráronse en meses de verán.

No acto, Miguel Fernández fixo fincapé no carácter desta competición, que transcende do deportivo, pois o que se pretende coa organización desta actividade é fomentar a convivencia entre todos os veciños e veciñas, independentemente do seu lugar de nacemento. De feito, nesta edición, algún veciño nado no municipio formará parte dos equipos representantes doutros países. “Lugo e Galicia somos territorios de xente emigrante, polo que nos sentimos perfectamente identificados con estas asociacións”, asegurou o edil.

Nesta liña incidiu González Abelleira, quen ademais quixo felicitar ás asociacións organizadoras, desexándolles tanto éxito como en anos anteriores.

Pola súa banda, Bereciartúa e Martínez puxeron en valor a integración dos colectivos dos diferentes países en Lugo, a través de actividades como a Copa da Amizade, e convidaron á participación neste iniciativa, que suma deporte, amizade e integración. Así mesmo, agradeceron o apoio loxístico que presta o Concello ano tras ano a este evento.

7 equipos xogarán pola interculturalidade
A competición dará inicio co saque de honor ás nove e cuarto da mañá, por parte da Concelleira de Benestar Social, Igualdade e Inclusión, Ana Abelleira. O acto de clausura e a entrega de trofeos será sobre as sete e media da tarde, contando coa presenza de Miguel Fernández, Concelleiro de Deportes e Medio Rural. Desta volta serán sete os equipos participantes en representación doutros tantos países. Haberá tamén representación de Rioplatenses (Arxentina e Uruguay), España, Colombia, Brasil, Perú, Marrocos e Israel. A competición, que se desenvolverá polo sistema de grupos, concluirá tras a disputa das semifinais e final, na que o ano pasado tivo como gañador ao equipo de Brasil.

Multimedia

  • V Campionato Intercultural de fútbol 7 Copa da Amizade

Noticias relacionadas