O tramo peonil da Ronda da Muralla entre Bispo Aguirre e a Porta do Campo Castelo quedará libre de vehículos dende o vindeiro luns

Os residentes e comerciantes terán itinerarios alternativos. O acceso restrinxirase coa instalación de dous bolardos desmontables

Mércores, 16 de decembro de 2015
Fonte: 
Gabinete de Prensa

O tramo peonil da Ronda da Muralla entre Bispo Aguirre e a Porta do Campo Castelo quedará pechado completamente á circulación rodada a partir do vindeiro luns, día 21, segundo acordou a reunión da Comisión de Tráfico na súa última xuntanza. Para elo, o Concello procederá á instalación de dous bolardos desmontables que poderán ser facilmente retirados para facilitar o acceso de vehículos de urxencias ou por calquera outra circunstancia debidamente autorizada pola entidade local.

Con esta medida mellorarase o acceso dos cidadáns ao edificio administrativo do Concello e os alumnos do colexio A Inmaculada. Tamén mellorará a seguridade dos peóns e dos alumnos do colexio Franciscanos, ao eliminarse a circulación en dobre sentido pola Praza Maior.

Os residentes e comerciantes deberán adoptar itinerarios alternativos, que se organizarán da seguinte maneira:

  • Rúa Ángel Fernández Gómez, Praza Maior, Bispo Aguirre e Praza Campo Castelo entrarán polo control de accesos da rúa Vilalba e sairán pola Porta do Campo Castelo
  • Rúa Clérigos, Catedral, Praza Deán Fernández Varela, Praza Santa María, Praza Pío XII e rúa Bo Xesús accederán pola Porta de Santiago e sairán pola Porta do Campo Castelo
  • Rúa da Cruz poderán acceder pola rúa Lois Peña Novo, Conde Pallares, Bispo Basulto, Deán Fernández Varela, Praza de Santa María e a propia rúa Cruz e sairán pola Porta do Campo Castelo
  • No caso dos vehículos que acudan ás zonas de carga e descarga de Pío XII, Fernando Casas Novoa e Campo Castelo deberán acceder pola Porta Santiago no primeiro caso e pola rúa Vilalba nos restantes, coa saída pola Porta do Campo Castelo

Noticias relacionadas