O sistema SAE que informará ós viaxeiros da chegada dos buses urbanos instalarase noutras 10 paradas

Luns, 19 de xullo de 2010
Fonte: 
Gabinete de Prensa

O Concello aprobou hoxe a instalación noutras 10 paradas dos autobuses urbanos do Sistema de Axuda á Explotación da flota de autobuses urbanos de Lugo (SAE) que informará do tempo que tardan en chegar os buses.

A Mesa de Contratación do Concello acordou adxudicar a instalación do SAE nestas dez paradas á empresa Electronic Trafic por un importe de 85.000 euros. Este orzamento farase con fondos do FEESL.

Electronic Trafic instalará o sistema de información en paradas do transporte público urbano de Avenida das Américas, Camiño Real, Alexandre Bóveda, Lamas de Prado, Carlos Azcárraga, Calzada das Gándaras, Avenida Infanta Elena, Rúa da Industria, Ronda das Fontiñas e Alfonso X.

Deste xeito, a implantación do SAE farase en 21 paradas. As outras 11 incluíanse no proxecto inicial financiado polo Plan Urban, a Deputación provincial, o Ministerio de Medio Ambiente e o Concello, cun orzamento de 227.138 euros. Nese investimento inclúese o deseño do propio Sistema de Axuda a Explotación dos autobuses urbanos, ademais da instalación das pantallas informativas nas 11 paradas de bus.

Este novidoso sistema manterá informados ós usuarios en tempo real sobre os horarios de chegada dos autobuses urbanos tanto nas paradas como por sms ou internet e situará a Lugo ó nivel das cidades que máis apostan polo transporte público.

O obxectivo do Concello é aumentar a calidade do servizo dos autobuses urbanos tal como se recolle no Plan de Mobilidade. Ademais o SAE axudará a mellorar a regularidade dos buses e fará máis rendible o transporte público en Lugo.

 

Noticias relacionadas