Na tarde deste martes realizaranse os pases de “Punkdemia”, de Peter Punk que tiveron que ser adiados pola choiva
A entrada é gratuíta, máis debe retirarse previamente desde o portal entradaslugo.es

A concelleira de Cultura, Turismo e Promoción da Lingua, Maite Ferreiro, presentou os contidos da terceira semana do ciclo O que queda de verán, que terá lugar na tarde de hoxe e durante o día de mañá. “Debido á choiva vímonos na obriga de adiar o espectáculo Punkdemia, de Peter Punk, do que se celebrarán dous pases na tarde de hoxe, e mañá termos con nós o espectáculo de clown Sempre Arriba de C’est pas posible”, declarou Maite Ferreiro.
A área de Cultura organiza un pase de Sempre Adiante, de C’es Pas Posible este mércores ás 12:30 da mañá e en horario de tarde ás 18:30. Para asistir ás actividades, será preciso contar cunha entrada que se poderá retirar gratuitamente no portal entradaslugo.es. Cada persoa poderá coller como máximo dúas entradas, que estarán á disposición das familias desde unha semana antes do espectáculo. As entradas retiradas para os dous pases de Punkdemia adiados serán válidas para a tarde de hoxe.
Sempre Adiante, de C’est Pas Posible
Usando o clown coma linguaxe, e en comunicación directa co público, neste espectáculo ponse de manifesto a dualidade que moitos vivimos por dentro, aprendemos a ser eficaces, a cumprir prazos e expectativas, e esquecemos deixarmos ser e desfrutar. Un fío dramatúrxico sinxelo para transmitir unha historia universal.
Punkdemia, de Peter Punk
Peter Punk está de volta para converterse no Doutor Punkdemia. Un espectáculo viral no que, a través de catro fases, mostrará a súa particular visión da pandemia.
Neste espectáculo, veremos como se viste un pallaso para protexerse da pandemia, malabares con coronavirus e asistiremos a unha técnica novidosa para botar o virus do noso corpo empregando globos de xeito sorprendente. Contaremos coa axuda de Tranquilo, un vello amigo de Peter Punk sempre disposto a colaborar. E para finalizar, daremos a volta á curva para descubrir unha Vacina da Risa. E subiremos na Corentrona, unha cadeira de rodas na que Peter Punk mostrará as súas habilidades e baixará a rampla da desescalada para bater co muro dos recortes. Conseguirá derribalo?
Audio
- A concelleira de Cultura, Turismo e Promoción da Lingua, Maite Ferreiro, sobre o ciclo "O que queda de verán" | Descargar mp3