Concello de Lugo
Publicado en Concello de Lugo (https://concellodelugo.gal)

Inicio > O que queda de verán trae unha semana máis programación cultural para toda a familia na Canella do Hospital

O que queda de verán trae unha semana máis programación cultural para toda a familia na Canella do Hospital

Na tarde deste martes realizaranse os pases de “Punkdemia”, de Peter Punk que tiveron que ser adiados pola choiva

A entrada é gratuíta, máis debe retirarse previamente desde o portal entradaslugo.es

  • Tema
    • Animación sociocultural,
    • Cultura e Turismo,
    • Programación cultural
Martes, 01 de setembro de 2020
Fonte: 
Gabinete de Prensa
O que queda de verán trae unha semana máis programación cultural para toda a familia na Canella do Hospital

A concelleira de Cultura, Turismo e Promoción da Lingua, Maite Ferreiro, presentou os contidos da terceira semana do ciclo O que queda de verán, que terá lugar na tarde de hoxe e durante o día de mañá. “Debido á choiva vímonos na obriga de adiar o espectáculo Punkdemia, de Peter Punk, do que se celebrarán dous pases na tarde de hoxe, e mañá termos con nós o espectáculo de clown Sempre Arriba de C’est pas posible”, declarou Maite Ferreiro.

A área de Cultura organiza un pase de Sempre Adiante, de C’es Pas Posible este mércores ás 12:30 da mañá e en horario de tarde ás 18:30. Para asistir ás actividades, será preciso contar cunha entrada que se poderá retirar gratuitamente no portal entradaslugo.es. Cada persoa poderá coller como máximo dúas entradas, que estarán á disposición das familias desde unha semana antes do espectáculo. As entradas retiradas para os dous pases de Punkdemia adiados serán válidas para a tarde de hoxe.

Sempre Adiante, de C’est Pas Posible

Usando o clown coma linguaxe, e en comunicación directa co público, neste espectáculo ponse de manifesto a dualidade que moitos vivimos por dentro, aprendemos a ser eficaces, a cumprir prazos e expectativas, e esquecemos deixarmos ser e desfrutar. Un fío dramatúrxico sinxelo para transmitir unha historia universal.

Punkdemia, de Peter Punk

Peter Punk está de volta para converterse no Doutor Punkdemia. Un espectáculo viral no que, a través de catro fases, mostrará a súa particular visión da pandemia.

Neste espectáculo, veremos como se viste un pallaso para protexerse da pandemia, malabares con coronavirus e asistiremos a unha técnica novidosa para botar o virus do noso corpo empregando globos de xeito sorprendente. Contaremos coa axuda de Tranquilo, un vello amigo de Peter Punk sempre disposto a colaborar. E para finalizar, daremos a volta á curva para descubrir unha Vacina da Risa. E subiremos na Corentrona, unha cadeira de rodas na que Peter Punk mostrará as súas habilidades e baixará a rampla da desescalada para bater co muro dos recortes. Conseguirá derribalo?

Audio

  • A concelleira de Cultura, Turismo e Promoción da Lingua, Maite Ferreiro, sobre o ciclo "O que queda de verán" | Descargar mp3 [1]

URL fonte: https://concellodelugo.gal/gl/novas/o-que-queda-de-veran-trae-unha-semana-mais-programacion-cultural-para-toda-familia-na-canella

Ligazóns:
[1] https://concellodelugo.gal/sites/default/files/users/user42478/200901_maite_ferreiro_o_que_queda_de_veran.mp3