O programa +XTi arrinca esta semana cun ciclo de sendeirismo para a mocidade que convida a descubrir natureza e patrimonio

Cinco rutas temáticas do 18 ao 22 de agosto permitirán explorar camiños, ribeiras, paseos e barrios con historia, en quendas de mañá e tarde e con 22 prazas por grupo.

As propostas inclúen itinerarios polo Camiño Primitivo, as ribeiras do Miño, os paseos do Rato, Adai e o Barrio da Ponte.

O edil Jorge Bustos subliñou que “o contacto coa natureza e o exercicio físico son piares do noso programa, que ofrece alternativas activas, accesibles e atractivas para que a mocidade desfrute do verán doutro xeito”.

Domingo, 17 de agosto de 2025
Fonte: 
Gabinete de Prensa
O programa +XTi arrinca esta semana cun ciclo de sendeirismo para a mocidade que convida a descubrir natureza e patrimonio

O Concello de Lugo, a través da Concellería de Xuventude e coa colaboración do Plan Nacional sobre Drogas, pon en marcha esta semana unha proposta de sendeirismo do +XTi 2025 dirixida a mozas e mozos de 18 a 39 anos, pensada para combinar exercicio físico, convivencia e descubrimento de espazos singulares do noso municipio.

“O contacto coa natureza e o exercicio físico son piares do noso programa, que ofrece alternativas activas, accesibles e atractivas para que a mocidade desfrute do verán doutro xeito”, sinalou o edil Jorge Bustos, quen engadiu que “cada itinerario foi deseñado para poñer en valor a nosa paisaxe, o patrimonio e os espazos de lecer a poucos minutos do centro urbano”.

As rutas celebraranse en dobre quenda: pola mañá, de 09:00 a 13:00 horas, e pola tarde, de 17:00 a 21:00 horas, con 22 prazas por grupo e inscrición gratuíta en lugomasxti.org.

O luns 18 abrirase o ciclo coa ruta RURAL, un percorrido por un tramo do Camiño Primitivo que partirá da Porta de Santiago da Muralla Romana, unha oportunidade para descubrir o encanto do trazado histórico que conecta Lugo co resto da ruta xacobea.

O martes 19 será a quenda da ruta NATUREZA, que seguirá as ribeiras do Miño desde o Club Fluvial, permitindo coñecer un dos principais pulmóns verdes do municipio.

O mércores 20 a ruta LOCAL levará ás persoas participantes polos paseos do Rato e do Miño, cun punto de encontro no Balneario de Lugo, poñendo en valor espazos de uso cotián que se transforman en escenarios ideais para a práctica deportiva e o lecer.

O xoves 21 desenvolverase a ruta DEPORTIVA, que conectará Adai cos Bosques Máxicos e Ombreiro, partindo da Igrexa de Santa María Magdalena. Un itinerario que combina natureza, sendeiros forestais e un percorrido pensado para quen busca un desafío físico maior.

Por último, o venres 22 a ruta HISTÓRICA unirá o centro co Barrio da Ponte, con inicio na Porta San Fernando da Muralla, propoñendo unha viaxe pola historia e a identidade lucense a través dun dos seus barrios máis singulares.

As inscricións poden realizarse a través da web lugomasxti.org e, para máis información, está dispoñible o teléfono 982 297 498.

Noticias relacionadas