O Presidente da Deputación e a Alcaldesa de Lugo cumpren co compromiso de ter renovada e en servizo a Avenida Infanta Elena este verán

José Tomé Roca destacou que as obras para desdobrar e humanizar esta vía, nas que a institución investiu 1M€, xa están completamente rematadas e a disposición da veciñanza, transformando o principal acceso da cidade de Lugo na súa parte norte.

“Houbo unha mellora estética que é evidente, pero, sobre todo, conseguimos que os condutores, os ciclistas e os viandantes circulen con máis seguridade e con máis comodidade por esta avenida. Conseguimos, en definitiva, unha mellora moi relevante en canto á mobilidade”, subliñou o mandatario provincial.

“A mobilidade mellora a vida da xente, axuda a fixar poboación, dinamiza a economía e o emprego, e fai competitivo a un territorio. Por iso, na Deputación de Lugo temos un claro compromiso para seguir mellorando as vías de comunicación da nosa provincia, que se traduce nun esforzo inversor duns 30M€ ao ano”, sinalou o Presidente.

A Alcaldesa asegurou que este proxecto é “moi importante para a veciñanza de Lugo, pois permitiunos mellorar de maneira substancial a seguridade viaria e a accesibilidade de condutores, viandantes e ciclistas, ao tempo que humanizamos o espazo, en consonancia coa nosa aposta por un municipio máis verde, sostible e integrador”.

Con estas obras, o treito da Avenida Infanta Elena que vai dende o enlace coa Ronda Norte á glorieta 25-N pasou a ter entre dous e tres carrís de circulación por cada sentido, unha rotonda á altura de Paulo Fabio Máximo, carrís bici, beirarrúas, iluminación LED, mobiliario urbano e arboredo en todo o percorrido.

Martes, 12 de xullo de 2022
Fonte: 
Gabinete de Prensa
O Presidente da Deputación e a Alcaldesa de Lugo cumpren co compromiso de ter renovada e en servizo a Avenida Infanta Elena este verán

O Presidente da Deputación de Lugo, José Tomé Roca, e a Alcaldesa de Lugo, Lara Méndez, comprobaron este martes o resultado das obras para o desdobramento e humanización da Avenida Infanta Elena, que xa están completamente rematadas e a disposición da veciñanza. Desta forma, o mandatario provincial e a rexedora cumpren co compromiso que fixeron o pasado setembro, cando comezaron as actuacións, de ter en servizo a renovación da vía este verán.

Durante a visita, José Tomé destacou que a actuación transformou a principal vía de entrada e saída da cidade de Lugo na súa parte norte, onde se concentra ademais unha gran actividade comercial e que comunica coa zona industrial do Ceao. “Houbo unha transformación estética que é evidente, pero, sobre todo, conseguimos que os condutores, os ciclistas e os viandantes circulen con máis seguridade e con máis comodidade por esta avenida. Conseguimos, en definitiva, unha mellora moi relevante en canto á mobilidade”, destacou o mandatario provincial.

“A mobilidade mellora a vida da xente, axuda a fixar poboación, dinamiza a economía e o emprego, e fai competitivo a un territorio. Por iso, na Deputación de Lugo temos un claro compromiso para seguir mellorando as vías de comunicación da nosa provincia”, sinalou Tomé Roca.

Este proxecto, promovido polo Concello de Lugo e financiado integramente pola Deputación de Lugo, permitiu que o treito da Avenida Infanta Elena que vai dende o enlace coa Ronda Norte á glorieta 25-N teña entre dous e tres carrís de circulación por cada sentido, unha rotonda á altura de Paulo Fabio Máximo, carrís bici, beirarrúas, iluminación LED, mobiliario urbano e arboredo en todo o percorrido, mellorando a seguridade e comodidade de condutores e peóns, así como a fluidez do tráfico.

O Presidente da Deputación e Alcaldesa de Lugo estiveron acompañados polo Deputado de Promoción Económica e Social, Pablo Rivera Capón, pola Deputada e Concelleira de Desenvolvemento Local e Emprego, Ana González Abelleira e polo Concelleiro de Medio Rural e Medio Ambiente, Miguel Fernández Méndez.

30M€ para mobilidade na provincia

José Tomé destacou que o compromiso da Deputación de Lugo coa mobilidade “tradúcese nun esforzo económico moi importante” pois dedica a este eido un terzo do Orzamento total da Deputación, é dicir, en torno a 30 millóns de euros ao ano, “para actuacións que desenvolvemos de maneira directa ou en colaboración con outras administracións, como é este o caso, co Concello de Lugo”, subliñou.

O mandatario provincial recalcou que, “se facemos unha comparación entre o que tiñamos antes das obras e o resultado que podemos ver hoxe, queda claro que, para a Deputación e para o Concello, urbanizar é sinónimo de humanizar. Esta é unha obra que pon o acento en valores como a seguridade, a sustentabilidade e a recuperación de espazos públicos para a cidadanía”.

Apuntou que esta obra, na que a institución provincial investiu máis de 1M€ e que tamén se encargou de executar, “é un exemplo máis da colaboración da Deputación cos concellos da provincia”. Tamén puxo en valor a colaboración cos 67 concellos da provincia, algo que “constitúe a mellor maneira de sacar adiante medidas de calado, que benefician á xente”.

Así mesmo, ratificou o Presidente o seu compromiso para apoiar desde a Deputación de Lugo a execución dunha segunda fase destas obras, para completar o desdobramento e a humanización da Avenida Infanta ata a rotonda do Ceao.

Cara un municipio máis verde, sostible e integrador

Pola súa banda, a Alcaldesa de Lugo, Lara Méndez, subliñou que “é unha enorme satisfacción estar hoxe aquí supervisando o remate das obras da primeira fase de desdobramento e humanización da Avenida Infanta Elena, logo dun arduo e complexo proceso que implicou a tramitación, por parte do Concello, da expropiación de 33 parcelas e a ocupación temporal doutras 32 e, polo tanto, a intermediación con 65 propietarios, cos que tivemos que chegar a acordos”.

Neste senso, a rexedora destacou que “grazas á colaboración entre a Deputación e a administración local fixemos posible este proxecto, moi importante para a veciñanza de Lugo, pois permitiunos mellorar de maneira substancial a seguridade viaria e a accesibilidade de condutores, viandantes e ciclistas, transformando unha das arterias de comunicación máis importantes da cidade, ao tempo que humanizamos o espazo, en consonancia coa nosa aposta por un municipio máis verde, sostible e integrador”.

O proxecto

No tramo que vai do enlace da Avenida Infanta Elena coa Ronda Norte ata a Avenida Paulo Fabio Máximo actuouse para que a vía de 11 metros de ancho, cun único carril por cada sentido de circulación, sen beirarrúas e sen alumeado, adquirise un ancho de 30 metros. Na marxe dereita ten dous carrís de circulación de vehículos sentido O Ceao e un carril bici con ambos sentidos de circulación, segregado do tráfico rodado con dobre liña e separador físico con elementos de plástico reciclado. Na marxe esquerda ten agora tres carrís de circulación, en sentido centro da cidade. Creáronse beirarrúas a ambas marxes de 4,05 metros cada unha, que contan con arboredo, bancos e papeleiras, e unha mediana de 1,40 metros con céspede e arboredo. Dotouse tamén de alumeado.

Para favorecer a seguridade e fluidez do tráfico, á altura da intersección coa avenida Paulo Fabio Máximo -antes regulada por semáforos-, quedou instalada unha rotonda. Na marxe dereita –en sentido O Ceao- deuse continuidade ao tránsito peonil e de bicicletas, urbanizando a sección completa ata o paso de peóns e de ciclistas, e conectando coa calzada preexistente. Na marxe esquerda, deuse continuidade tamén ao itinerario peonil coa adaptación do paso de peóns existente.

Glorieta Paulo Fabio Máximo – Glorieta 25N

A parte da vía entre as glorietas Paula Fabio Máximo e 25N xa estaba completamente urbanizada e contaba con 30 metros de ancho, as mesmas dimensións coas que se dotou o tramo que vai dende o enlace coa Ronda Norte a Paulo Fabio Máximo. O obxectivo do proxecto neste caso foi darlle continuidade ao trazado e circulación de peóns, bicicletas e vehículos, redistribuíndo o espazo das calzadas para que quede igual que o treito Ronda Norte-Paulo Fabio Máximo. Deste xeito, pasouse dos anteriores dous carrís por cada sentido a establecer, na marxe dereita, dous carrís de circulación de vehículos sentido O Ceao e un carril bici en ambos sentidos de circulación, segregado do tráfico rodado. Na marxe esquerda quedaron tres carrís de circulación, sentido centro da cidade. As beirarrúas quedaron como estaban, con 2,40 metros de ancho cada unha, ao igual que a medianeira, que sigue tendo 5 metros de ancho, pero acondicionada con árbores.

En canto á iluminación, agora é de baixo consumo, cun total de 144 puntos Led. Colocáronse nun tramo que estaba sen iluminar (Ronda Norte-Paulo Fabio Máximo) e substituíronse as luminarias da parte restante (Paulo Fabio Máximo-glorieta 25N).

Carril bici

O novo trazado do carril bici permite conectar coa parcela na que se sitúa o edificio Impulso Verde, o primeiro público de Galicia construído con madeira galega, un proxecto enmarcado no plan Life Lugo+Biodinámico, que impulsa o Concello de Lugo con fondos europeos e coa colaboración da Deputación de Lugo.

Ademais das actuacións urbanísticas, o proxecto incluíu os servizos de saneamento e abastecemento: a dotación no tramo Ronda Norte-Paulo Fabio Máximo e o reforzo das canalizacións existentes no de Paulo Fabio Máximo-Glorieta 25N.

Audio

  • A alcaldesa de Lugo, Lara Méndez, sobre a Avenida Infanta Elena (1) | Descargar mp3
  • A alcaldesa de Lugo, Lara Méndez, sobre a Avenida Infanta Elena (2) | Descargar mp3

Multimedia

  • O Presidente da Deputación e a Alcaldesa de Lugo cumpren co compromiso de ter renovada e en servizo a Avenida Infanta Elena este verán

Noticias relacionadas