O Plan Reanima comeza maio con 1.779 expedientes e máis de 20 funcionarios traballando, en exclusiva, para axilizar o pagamento destas axudas directas

O programa impulsado polo Goberno de Lara Méndez destina 5 millóns de euros en axudas directas ás pemes, autónomos e familias lucenses para reactivar a economía local

Apuráronse os prazos previstos para a posta en marcha da sede electrónica do Concello co fin de canalizar toda a documentación relativa a estas achegas

A medida acompáñase doutras iniciativas como a exención e aprazamento de taxas ou o pago de facturas aos provedores para darlle liquidez ao tecido produtivo local

A rexedora pon en valor o esforzo e dedicación do persoal municipal “que no confinamento leva feito un traballo excepcional que reverterá en todos os lucenses”

Luns, 04 de maio de 2020
Fonte: 
Gabinete de Prensa
O Plan Reanima comeza maio con 1.779 expedientes e máis de 20 funcionarios traballando, en exclusiva, para axilizar o pagamento destas axudas directas

Case unha trintena de funcionarios dedicados á súa tramitación, 1.779 expedientes creados e máis de 500 consultas respostadas. É o balance que arroxa o Plan Reanima cando quedan 11 días para finalizar o prazo de presentación de solicitudes.

Un programa de subvencións, dotado con 5 millóns de euros, destinado a pemes, autónomos e familias lucenses que o goberno de Lara Méndez deseñou o primeiro día oficial de Estado de Alarma e que, dende as últimas semanas, está a concentrar o labor dunha parte moi importante do cadro de persoal municipal.

O obxectivo: axilizar ao máximo posible o pago das axudas para que cheguen, canto antes, a quen máis as necesita.

“Dende o minuto un desta pandemia a prioridade fixada polo executivo local foi clara: dar resposta ás necesidades derivadas do confinamento - afirma Lara Méndez – o que significa tomar posición ao carón do tecido produtivo como motor económico e principal xerador de emprego no concello, sen esquecer, por suposto, a vertente asistencial”.

Comezou nese intre unha carreira, primeiro de velocidade e agora de fondo, baseada inicialmente na creación dun programa de medidas, de calado financeiro, encamiñadas a dotar de liquidez ás empresas e ás familias ben a través do pagamento das facturas que a institución tiña pendentes de abonar aos seus provedores, ben mediante a exención e/ou aprazamento de taxas, ben coa creación dunha liña de achegas directas que complementaran ás prestacións estatais.

“Para estas últimas - o Plan Reanima - habilitouse crédito e apuráronse os prazos previstos para a entrada en funcionamento da plataforma dixital da sede electrónica co fin de centralizar os expedientes. Unha ferramenta telemática á que, xa de inicio, se someteu a un estrés constante debido á avalancha de solicitudes presentadas o que nos demostra que estivemos acertados na premura da súa posta en marcha”, explica a rexedora.

Reforzo de persoal

A alcaldesa referiuse tamén aos medios humanos destinados á tramitación do Plan Reanima. En total máis dunha vintena de traballadores municipais, ao marxe do persoal externo de apoio á plataforma dixital, “que non descartamos seguir reforzando”. Para iso, foron derivadas 11 persoas doutros departamentos para que se sumasen ao equipo do Plan Reanima, ao que, de forma case exclusiva, se dedican dúas ducias de empregados municipais.

“Por exemplo – sinala Méndez – ao Rexistro veñen de incorporarse 5 traballadoras e traballadores de Participación Cidadá (1), Persoal (1), Negociado de Policía (2) e Estatística (1), duplicando deste xeito o número de efectivos encargados de recepcionar as solicitudes da poboación, pasando de 5 a 10”.

E outro tanto acontece no CEI – Nodus onde outras 13 persoas abordan o estudo de toda a documentación. Artellados por unha coordinadora xeral, subdivíronse en dous grupos.  Así, o primeiro deles, composto por catro persoas (unha técnica medio de xestión e tres auxiliares administrativas, 2 delas procedentes de Facenda Local), centra a súa actividade no envorcado da información e na apertura de expedientes; ata a data 1.779.

“Con todos estes expedientes creados, o resto de compañeiros de Desenvolvemento Local e Emprego – concellería que dirixe o edil Mauricio Repetto – estudan e avalían as peticións da cidadanía. Unha tarefa da que se encargan dous funcionarios de carreira, expertos en asesoramento a emprendedores e xestión de subvencións, dúas orientadoras laborais, unha administrativa que provén da área de Fomento e na que colaboran, ademais, outras tres persoas”, abondou Méndez.

“Unha complexa engrenaxe, difícil de asumir para unha administración local –  de feito o Concello de Lugo é a única que ata o momento artellou unha iniciativa similar – que implica un traballo inxente ao que, cunha grandísima implicación, se están dedicando todas estas persoas de forma directa, aínda que indirectamente participan moita máis,  e que, a continuación, precisará igualmente da atención doutros departamentos como o de Tesourería e Intervención polo que a mobilización de recursos será incluso maior”, engadiu a alcaldesa.

Antes de concluír, a rexedora quixo poñer en valor o esforzo e dedicación do persoal municipal “que nestas semanas de confinamento leva feito un traballo excepcional que, estamos seguros, reverterá en toda a sociedade luguesa”.

Audio

  • A alcaldesa Lara Méndez, sobre o balance do Plan Reanima| Descargar mp3

Noticias relacionadas