O Parque da Milagrosa acolle este mércores un espectáculo familiar de clown enmarcado na programación da Capital da Cultura

A actuación, de balde, correrá a cargo do artista portugés Dani Gonçalves. Mentres que o xoves, na Chanca, terá lugar, ás 21:00 horas, un concerto da banda Superglú.

A axenda de actividades, deseñada polo Goberno de Lara Méndez, pretende completar a oferta cultural e de ocio do verán, tamén como atractivo turístico.

Toda a información pode atoparse na web www.lugocapitaldacultura.com

Luns, 21 de agosto de 2023
Fonte: 
Gabinete de Prensa
O Parque da Milagrosa acolle este mércores un espectáculo familiar de clown enmarcado na programación da Capital da Cultura

O Parque da Milagrosa acollerá este mércores, a partir das 18:00 horas, un espectáculo de clown enmarcado na programación da Capital da Cultura do Eixo Atlántico. A actuación familiar, baixo o título Nougat, correrá a cargo do artista portugués Dani Gonçalves. Mentres que o xoves, no barrio da Chanca, haberá música en directo co concerto da banda Superglú, ás 21:00 horas.

O executivo municipal promove este mes de agosto concertos en directo e espectáculos circenses todas as tardes dos mércores e xoves no marco da programación da Capital da Cultura do Eixo Atlántico. Deste xeito, os mércores o circo é o protagonista en diversas prazas e zonas da capital; mentres que os xoves o barrio da Chanca acolle música en vivo de diferentes artistas galegos e portugueses.

Todas as citas son totalmente gratuítas e abertas ao público. “Queremos ofrecer a lucenses e visitantes unha oferta lúdica e de lecer ampla e variada neste verán, ao tempo que achegamos toda a riqueza cultural de Galicia e Portugal”, lembrou Lara Méndez, quen apuntou que “este ano conmemoramos o 150 aniversario da construción do viaduto da Chanca e que mellor forma de facelo que concentrando neste barrio boa parte das actividades para convidar á cidadanía a visitalo, tendo como reclamo o atractivo destas actuacións”.

Toda a información sobre o calendario de actividades de agosto e o resto da programación da Capital da Cultura do Eixo Atlántico, como datas ou horarios, pode atoparse na páxina web www.lugocapitaldacultura.com

Programación de TítereCirco (18:00 horas)

Día 23.- Nougat (clown). Parque da Milagrosa.

Día 30.- Marionetas musicais (marionetas). Zona fluvial.

Aprazado (pendente de  nova data).- Circo Galaico (marionetas). Praza Augas Férreas.

Programación de concertos na Chanca (21:00 horas)

Día 24.- Superglú

Día 31.- Alda Várez & Richi Ponce

Noticias relacionadas