O MIHL e o Vello Cárcere pechan un Nadal moi completo, que congregou a máis de 570 nenos e nenas nestas instalacións municipais

"Un resultado moi satisfactorio" para Carmen Basadre, quen fixo fincapé no ambiente ao longo das festas en ambos os dous emprazamentos ao ter magnífica acollida a programación organizada

Concretamente, o MIHL acolleu a programación gratuíta de Nadal en familia para a primeira infancia, de 0 a 6 anos, e o Vello Cárcere, as actividades de balde para nenos e nenas de 6 a 12 anos

Luns, 14 de xaneiro de 2019
Fonte: 
Gabinete de Prensa

O Museo Interactivo da Historia de Lugo (MIHL) e o Vello Cárcere pechan un Nadal moi completo, que congregou a máis de 570 nenos e nenas nos obradoiros que o Concello impartiu nestas instalacións municipais do 22 de decembro ao 4 de xaneiro. Trátase dun "resultado moi satisfactorio" para a Concelleira de Cultura, Turismo, Xuventude e Promoción da Lingua, Carmen Basadre, quen fixo fincapé no ambiente de Nadal ao longo das festas en ambos os dous emprazamentos ao ter magnífica acollida a programación organizada, que achegou aos máis pequenos e pequenas distintas  e diversas opcións lúdicas.

Concretamente, o MIHL acolleu a programación gratuíta de Nadal en familia para a primeira infancia, de 0 a 6 anos, e o Vello Cárcere, as actividades de balde para nenos e nenas de 6 a 12 anos.

En total, no MIHL participaron ao redor de 290 cativos e cativas, que gozaron de 9 espectáculos diferentes, repartíndose en case todas as xornadas lúdicas a totalidade de invitacións dispoñibles. Así, as familias gozaron dos soños de Violeta na función Cores, de Marta Ortiz, cos xogos imaxinados de Minia, a cargo de Babaluva Tetatro, das cantarelas con Paxariños, de Trinke Trinke ou da música de Moraima, de Percubebé. Tamén houbo un concerto con Martiña Soñadora e Nanocontos con Raquel Peizás; así como un espectáculo para falar de natureza, Nube nube sol, con Teatro ó Cubo, Contos do apalpador con Anxo Moure e unha proposta de estimulación da creatividade, Bichocas, con Atenea García. 

Por outra banda, no Vello Cárcere foron máis de 280 os nenos e nenas que gozaron dalgún dos talleres organizados no centro sociocultural, cubríndose tamén practicamente todas as plazas en todos os obradoiros. En concreto, o Concello ofertou obradoiros de calcetín de Nadal, de decoración de bólas, de música, de fabricación de instrumentos musicais con materiais de refugallo, de panxoliñas, pintura en porcelana, adornos con feltro, chapa

Carmen Basadre tamén destacou o interese que espertou a selección de filmes do cinema clásico de Nadal que acolleu ao longo destas datas o auditorio do Vello Cárcere, concretamente a proxección de 6 películas cunha media de 40  persoas asistentes; así como as distintas actuacións musicais tanto neste centro como no Auditorio Municipal Gustavo Freire, que practicamente encheron os espazos.

Audio

Noticias relacionadas