O mércores, Lugo En camiño contra a violencia

Lara Méndez e Darío Campos presentaron a nova iniciativa posta en marcha polo alumnado de primeiro de produción e traballadores da Fundación TIC, dentro do marco da campaña Lugo en negro

Os participantes percorrerán un camiño de pegadas negras dende San Marcos, pola Praza Maior, Santa María, Porta de Santiago e a Escola de Imaxe e Son

Venres, 18 de novembro de 2016
Fonte: 
Gabinete de Prensa
O mércores, Lugo En camiño contra a violencia

O mércores, Lugo camiñará contra a violencia grazas a unha iniciativa dos alumnos e alumnas e traballadores e traballadoras da Fundación TIC da Deputación. A Alcaldesa de Lugo, Lara Méndez, e o Presidente da Deputación, Darío Campos, presentaron este proxecto, En camiño contra a violencia dentro do marco da campaña Lugo en negro  nun acto no que estivo presente o alumnado de primeiro de producción, mentores desta iniciativa.

Lara Méndez felicitou aos estudantes por esta iniciativa que ten por obxectivo a concienciación e visibilización desta lacra social, que asasinou a 800 mulleres a mans das súas parellas e exparellas dende 2003, e 38 no que vai de ano. “Dende as administracións, as institucións e dende a formación, debemos concienciarnos todos para ser capaces de chegar a 0 mulleres asasinadas polo único feito de ser muller. Ten que ser un traballo conxunto”, asegurou a rexedora, ao tempo que agradeceu tanto á sociedade luguesa a súa implicación en Lugo en negro como convidou á cidadanía a unirse a esta andaina.

Pola súa banda, Darío Campos, puxo en valor a iniciativa, “un camiño de pegadas negras que seguiremos desde a Praza de San Marcos ata a sede da EIS. A andaina, con varias paradas e actividades, ten por obxectivo manifestar a nosa repulsa contra a violencia de xénero, apoiar ás vítimas e concienciar sobre a importancia de denunciar os actos violentos contra as mulleres”. O Presidente provincial animou “a todos os cidadáns que o desexen a que se unan á marcha. Cantos máis sexamos, máis visibilidade lle daremos a esta loita”.

Implicación do alumnado

En Camiño contra a Violencia recolle as propostas dos alumnos e alumnas de primeiro de produción da EIS, que tamén son os encargados da súa organización.Neste senso, o máximo responsable provincial dixo que “para min é unha satisfacción a implicación do noso alumnado nesta campaña porque a loita contra a violencia de xénero debe comezar coa concienciación dos máis novos. A educación no respecto é fundamental para facer realidade o noso obxectivo como sociedade: que non haxa ningunha soa vítima máis”.

Programa de En Camiño contra a Violencia

Un representante dos alumnos de primeiro de Produción, Anxo Laxe, foi o encargado de detallar o programa. Segundo avanzou, En camiño contra a violencia arrancará ás 11.30 horas na Praza de San Marcos, onde haberá unha posta en escena que inclúe fotografía, danza e música, ena que colabora a USC con bailaríns e o coreógrafo Juan Carlos Zahera. Todos os cidadáns que se animen a participar na marcha recibirán unha camiseta negra co logotipo da campaña de Lugo en negro.

Os participantes seguirán as pegadas ata a Praza Maior. Alí proxectaranse escenas de películas, a maioría de cine clásico, entre outras, de China Town ou Te doy mis ojos, nas que se amosará a violencia encuberta. A marcha atravesará a Praza de Santa María e fará unha nova parada na Porta de Santiago. No monumento Patrimonio da Humanidadeactuará un mimo. O Camiño rematará na Escola, que recibirá aos participantes vestida de loito en sinal de dó polas vítimas de xénero.

Que nadie...

Ademais deste proxecto, a TIC tamén colabora con outras iniciativas na campaña Lugo en negro. A entidade dependente da Deputación é a encargada de gravar e editar un vídeo que ten como base a letra da canción Que nadie de Manuel Carrasco. O vídeo está protagonizado por representantes dunha trintena de asociacións e diversos colectivos, así como de grupos municipais e pola Alcaldesa de Lugo, Lara Méndez. Ademais, a TIC elaborará diversas reportaxes para difundir a campaña En negro contra aviolencia á que se sumaron varios Concellos da provincia e un total de 17 en Galicia.

Multimedia

  • O mércores, Lugo En camiño contra a violencia

Noticias relacionadas