O mercado de Nadal volve á Praza Maior para dinamizar o comercio de proximidade con actividades infantís e espectáculos para as familias

Lara Méndez pon en marcha de novo esta iniciativa, ante o éxito da primeira edición celebrada en 2022 e que supuxo un importante pulo económico para os participantes.

“Buscamos crear un ambiente festivo que contribúa á promoción da cidade e a atraer visitantes, ao tempo que promovemos os produtos e servizos locais”, subliñou a rexedora.

Ademais das casetas, a disposición dos comercios de balde en quedas semanais, ambientarase a praza, instalarase un poboado navideño e activaranse actividades infantís.

Venres, 01 de decembro de 2023
Fonte: 
Gabinete de Prensa
O mercado de Nadal volve á Praza Maior para dinamizar o comercio de proximidade con actividades infantís e espectáculos para as familias

A Praza Maior acollerá dende o vindeiro mércores, 6 de decembro, e ata o 5 de xaneiro, un mercado de Nadal composto por 20 casetas de madeira que se porán a disposición dos e das comerciantes lucenses, de maneira gratuíta, e un poboado navideño, formado por outros cinco stands, onde os cativos e cativas poderán visitar ao Sr. e Sra. Claus e ao emisario dos Reis Magos, Ben-Alí, ademais de gozar de actividades e obradoiros para diferentes idades.

A alcaldesa de Lugo, Lara Méndez, informou este venres da posta en marcha, por segundo ano consecutivo, desta iniciativa coa que o executivo municipal busca dinamizar o comercio local e de proximidade, ao mesmo tempo que ofrece unha alternativa de ocio e lecer para o conxunto da cidadanía, especialmente para as familias e os nenos e nenas, con actividades de animación e entretemento como maxia, contacontos e espectáculos diversos que manterán ao longo dun mes o espírito navideño.

Neste senso, a rexedora subliñou que “con este mercado buscamos crear un ambiente festivo e acolledor, que contribúa á promoción da cidade e a atraer visitantes doutras zonas de Galicia, ao tempo que promovemos e ofrecemos un magnífico escaparate para a calidade dos produtos e servizos dos establecementos lucenses nun dos espazos máis emblemáticos e transitados do municipio”.

Méndez lembrou “a magnífica acollida desta iniciativa, que se celebrou por primeira vez na cidade o pasado Nadal, acadando non só un éxito de público e afluencia –motivo  polo cal decidimos apostar novamente pola súa celebración–, senón tamén un importante pulo económico para os parciticipantes, uns 40 comercios de todo o concello, que incrementaron de media a súa facturación un 40%”.

“Froito dos bos resultados acadados, numerosos comerciantes xa mostraron o seu interese en participar no mercado deste ano, mesmo antes de que se empezasen a montar as casetas”, destacou a rexedora. Así, quenes desexen instalarse nalgún dos stands poden enviar a súa solicitude a través do correo electrónico cei@lugo.gal. Para outorgar os postos terase en conta tanto a idoneidade e carácter de Nadal dos produtos expostos, como o feito de seren produtos locais ou realizados en Galicia.

A iniciativa, posta en marcha dende a Área de Dinamización Económica, ten un triplo obxectivo:  “visibilizar aos negocios dos barrios na zona máis céntrica da cidade, impulsar as vendas de Nadal nos comercios de proximidade e encher de animación o centro histórico, especialmente pensando nos máis pequenos da casa”, explicou o edil responsable da Área, Mauricio Repetto.

Os espazos ofrécense de xeito gratuíto aos comerciantes interesados, mediante un sistema de rotación semanal, de maneira que se lle dá oportunidade de participar a negocios de todos os barrios da cidade. O horario de apertura e atención ao público das casetas será de 11:00h a 14:30h e de 16:30h ás 21:00h. No caso das festividades: o día 24 e o 31 o horario de peche do mercadiño será ás 14:30h, os días 25 e 1 de xaneiro permanecerá pechado. Así mesmo, os expositores que o desexen poderán ampliar o horario de apertura.

Obradoiros de manualidades

A fábrica de xoguetes dos elfos de Santa Claus estará funcionando a pleno rendemento para todos aqueles pequenos/as que queiran converterse nos seus axudantes. Un recuncho máxico onde participar en ilusionantes obradoiros de Nadal: soñando, inventando e creando.

Os nenos/as que acudan á cabana, poderán facer cada día un obradoiro de manualidades (un diferente cada día) deseñados especialmente para as datas que nos ocupan e con temática de Nadal. Todos/as os participantes levarán de recordo dunha xornada moi especial a manualidade elaborada. Haberá un monitor/a que dará as debidas instrucións de cada obradoiro e axudará na elaboración das manualidades aos participantes.

Realizaranse varias quendas de 15 participantes cada unha.

Programación de espectáculos

Tamén haberá un espazo dedicado ao entretemento, a diversión e á compartir con todos os/as cidadadáns ó espírito de Nadal a través dos seguintes espectáculos:

  • 7 de decembro: Maxia. Un microespectáculo infantil, navideño e divertido onde o público participa sen parar. Imposibles xogos visuais mesturados con humor e misterio. Unha viaxe a un mundo onde todo preséntase susceptible de ser transformado, onde nada é imposible.
  • 9 de decembro: “Viaxe encantado ao Polo Norte” (Contacontos) Contos onde se dará a coñecer aos mellores amigos de Santa Claus e todos os seus poderes máxicos, para percorrer tres historias moi especiais de renos, elfos e trasgos.
  • 16 de Decembro: Contacontos a cargo da Sra Claus.
  • 17 de decembro: “Rescate do Nadal” (Contacontos) Neste espectáculo os nenos/as serán axudantes do taller de Santa Claus, pero hai un problema no Polo norte: non funciona o taller de xoguetes e os renos están enfermos, alguén fixo das súas para danar o Nadal. Unha mestura de historias onde os pequenos/as axudarán a que a maxia voe e o Grinch non se salga coa súa.
  • 23 de decembro: Maxia co Mago Roberto Lolo. Un show onde se mesturan diferentes estilos de maxia con moita diversión, risas e improvisacións.
  • 30 de Decembro: Contacontos con Profe Alba.

Paralelamente, haberá exhibicións de música e baile de diferentes escolas e asociacións de Lugo no Templete e inmediacions da Praza Maior e degustacións de chocolate e viño quente.

Audio

  • O edil, Mauricio Repetto, sobre o Mercado de Nadal | Descargar mp3

Noticias relacionadas