O Goberno local rende homenaxe ao presidente do Club Ciclista Cidade de Lugo, Santi Seijas, na saída da Vuelta

Paula Alvarellos destacou “o labor dun dos nosos lucenses máis queridos; coñecido e respectado polo seu compromiso con este deporte, pero tamén polo seu traballo co tecido empresarial e social da cidade”.

Venres, 30 de agosto de 2024
Fonte: 
Gabinete de Prensa
O Goberno local rende homenaxe ao presidente do Club Ciclista Cidade de Lugo, Santi Seijas, na saída da Vuelta

O Goberno local quixo aproveitar a saída da etapa decimo terceira da Vuelta a España desde Lugo para brindar unha homenaxe a Santi Seijas, presidente do Club Ciclista Cidade de Lugo, fundador de My Bike e coñecido empresario de Lugo.

“Cremos que este era o escenario perfecto para facer unha homenaxe especial a un dos nosos lucenses máis queridos e respectados en tantos e tantos ámbitos da nosa sociedade, e transmitirlle, a través do seu fillo, todo o noso ánimo e forza para esta dura etapa que agora atravesa, e lembrar o traballo que fixo polo tecido empresarial de Lugo e tamén por este deporte, e en especial pola canteira do ciclismo amateur e elite”, sinalou a alcaldesa.

Paula Alvarellos falou da ampla traxectoria profesional de Santi Seijas no eido deportivo pero tamén no ámbito empresarial, ao fronte da Asociación de Jóvenes Empresarios; e social, como fundador do Grupo Vitae, centrado nos servizos a menores e á terceira idade. Do seu talante destacou o “compromiso e a implicación que sempre tivo por esta cidade en distintos ámbitos da sociedade lucense, o que tamén lle serviu para facerse tantos amigos e ser tan querido en Lugo”. 

A alcaldesa de Lugo fixo entrega ao seu fillo dun arbore da vida en cerámica, peza do artesán Roberto Regal, en recoñecemento de todo ese labor, desexando que “ao igual que foi un referente no emprendemento e no eido empresarial e deportivo, o sexa tamén agora por esa lección de vida que nos está a dar para seguir adiante”.

Noticias relacionadas