O Goberno esíxelle á Xunta de Galicia o mantemento da Cámara de Comercio

“Durante anos, a Cámara foi adquirindo unha débeda importantísima, que non foi, nin moito menos, tutelada e controlada pola administración competente, a Xunta de Galicia”, subliñou o voceiro municipal

Xoves, 17 de setembro de 2015
Fonte: 
Gabinete de Prensa
Miguel Fernández, voceiro municipal

O equipo de goberno defenderá no vindeiro Pleno ordinario unha moción na que esixirá á Xunta de Galicia que poña os medios oportunos para que se celebre canto antes o proceso electoral para a constitución dunha nova xunta directiva da Cámara Oficial de Comercio, Industria, Servizos e Navegación da provincia de Lugo, así como que dote de solvencia económica a dito organismo, para que poda poñerse en perfecto funcionamento con todas as garantías legais. Así o anunciou este xoves o voceiro municipal, Miguel Fernández, quen lembrou que actualmente a provincia lucense é a única que carece de Cámara de Comercio, “o que podería provocar a perda de subvencións e a non inclusión en programas beneficiosos para empresas e comercios, como estivo a piques de pasar no LeanCámaras deste ano 2015”.

“Durante anos a Cámara de Comercio foi adquirindo unha débeda importantísima, que non foi, nin moito menos, tutelada e controlada pola administración competente, a Xunta de Galicia e hoxe a institución cameral carece de liquidez e de patrimonio”, subliñou o Concelleiro, quen lle demandou á institución galega que “con carácter urxente” proceda ao mantemento de dito organismo que realiza tarefas de coordinación entre os seus representados e as distintas administracións.

Audio

Noticias relacionadas