O Goberno de Lara Méndez abre o bosque urbano das Gándaras á cidadanía cunha nova programación de visitas e obradoiros

Nas fins de semana dos meses de agosto e setembro realizaranse rutas guiadas, totalmente de balde, e previa inscrición a través do email: lifealcaldia@lugo.gal

Lara Méndez: “Esta será a primeira vez que se abra este espazo ao conxunto dos lucenses, pois ata o de agora a vexetación atopábase en período de implantación”.

O bosque urbano alberga un arboretum con 15.000 exemplares e cultivos enerxéticos, así como 8 bosques autóctonos galegos con 55 especies arbóreas.

Martes, 03 de agosto de 2021
Fonte: 
Gabinete de Prensa
O Goberno de Lara Méndez abre o bosque urbano das Gándaras á cidadanía cunha nova programación de visitas e obradoiros

O bosque urbano das Gándaras, impulsado pola alcaldesa Lara Méndez, abrirá por primeira vez as súas portas á cidadanía esta semana. Farao a través dunha nova programación de visitas guiadas, xornadas de portas abertas e obradoiros infantís, “coa que buscamos atraer a lucenses de todas as idades, interesados en coñecer as singularidades deste novo pulmón verde situado entre os dous parques empresariais da cidade”, apuntou a rexedora.

O executivo municipal puxo en marcha esta nova zona verde no marco do proxecto LIFE Lugo+Biodinámico. A través desta iniciativa, na que o Concello traballa da man das investigacións da Universidade de Santiago (Campus Terra) e a Universidade Politécnica de Madrid, Lugo convértese en cidade impulsora do deseño das urbes sostibles do futuro para conseguir barrios e espazos neutros en carbono, ao mesmo tempo que impulsa a economía verde e circular, buscando novos modelos produtivos baseados no desenvolvemento de todo o potencial dos recursos naturais dispoñibles.

Lara Méndez explicou que “esta será a primeira vez que se abra este espazo ao conxunto dos lucenses, pois ata o de agora a vexetación atopábase en período de implantación e o acceso ás parcelas limitouse ao persoal da Universidade, encargado de realizar tarefas de investigación e mantemento das diferentes especies. Agora estamos en disposición de amosar esta nova paraxe á cidadanía da man de expertos e guías, e agardamos que o próximo verán o acceso sexa totalmente libre e público”.

Visitas guiadas

As visitas guiadas ao Bosque urbano das Gándaras, que se celebrarán todos os venres, sábados e domingos de agosto e setembro serán de balde, previa preinscrición a través do enderezo electrónico lifealcaldia@lugo.gal e nelas se aplicarán todos os protocolos de seguridade sanitaria para eventos en exteriores, cun máximo de 20 persoas por sesión e actividade.

Estas visitas serán desenvolvidas por guías profesionais que acompañarán ás persoas asistentes a través dos traballos no bosque urbano, repartindo as visitas en tres roteiros, dous en horario de mañá, específicos, e un completo pola tarde.

Na quenda da mañá serán:

  • Ás 10:00 h, visita á área de Frondosas, Cultivos enerxéticos e o Souto. Duración estimada, unha hora.
  • Ás 11.30 h, visita á parcela de Aromáticas, Arboretum e Humidal das Gándaras-O Ceao. Duración estimada, unha hora.

Na quenda da tarde:

  • Ás 17:00 h, roteiro completo comezando na Área de Frondosas, Cultivos enerxéticos, Souto, Parcela de Aromáticas, Arboretum e Humidal das Gándaras-O Ceao. Duración estimada, dúas horas.

Xornadas de portas abertas e obradoiros infantís

As xornadas de portas abertas terán lugar, igualmente, todos os venres, sábados e domingos de agosto e setembro en horario de 9:30 a 19:30 horas. Finalmente, celebraranse obradoiros dirixidos ao público infantil, que incluirán un contacontos e unha visita ao bosque urbano mentres se difunden valores medioambientais e sociais relativos ao monte e ao seu coidado.

Dentro do marco da colaboración do LIFE Lugo+Biodinámico  con FEARMAGA (Federación empresarial de aserraderos y rematantes de madera de Galicia), o vindeiro día 7 de agosto celebraranse os dous primeiros obradoiros baixo o título “As Aventuras no bosque de Maruxa, Xaquín e Fuco“. O horario será, na quenda da mañá, a partir das 11:00 h e, na quenda da tarde, ás 18:00 h. As nenas e nenos que participen recibirán, así mesmo, un exemplar do conto “As Aventuras no bosque de Maruxa, Xaquín e Fuco” e material didáctico do proxecto LIFE Lugo + Biodinámico.

Audio

  • A alcaldesa de Lugo, Lara Méndez, sobre as visitas ó Bosque Urbano | Descargar mp3

Noticias relacionadas