Os traballos desta iniciativa peonil urbana, unha medida máis do equipo liderado por Lara Méndez para continuar humanizando a cidade e para colocar a Lugo na tendencia das cidades camiñables europeas, teñen un orzamento de 220.000 euros e un prazo de execución de 6 meses
A peonalización inclúe o tramo da rúa Milagrosa, entre Doutor Yáñez Rebolo e Curros Enríquez, dando continuidade á Praza da Milagrosa e á rúa Divina Pastora. Crearase unha zona axardinada e colocaranse bancos e papeleiras
- Tema

A Xunta de Goberno aprobará, na reunión deste mércores, a apertura do procedemento de contratación das obras de peonalización da Milagrosa, unha medida máis do equipo liderado por Lara Méndez para continuar humanizando a cidade e para colocar a Lugo na tendencia das cidades camiñables europeas, o que conxuga beneficios asociados á calide de vida, ao incremento da actividade económica e do turismo e á mellora dos desprazamentos.
Os traballos desta iniciativa peonil urbana, de relevancia tanto para o centro neurálxico do propio barrio como para Lugo, pois este espazo terá a partir de agora unha utilidade máis aló da cidade en si mesma, a de vida económica e conexión social da veciñanza; teñen un orzamento de 220.000 euros e un prazo de execución son 6 meses. Tras a súa aprobación, procederase á publicación no Perfil do Contratante, na web do Concello,www.lugo.gal, e as empresas interesadas terán 20 días naturais para presentar ofertas.
A peonalización inclúe o tramo da rúa Milagrosa, entre a rúa Doutor Yáñez Rebolo e Curros Enríquez, dando continuidade á Praza da Milagrosa e á rúa Divina Pastora, cuxa peonalización permitiu xa no seu día dinamizar esta zona. Para elo, é precisa a reurbanziación total do espazo, dado a disparidade de pavimentos existentes e a distintos niveis, calzada e beirarrúa, con diversas pendentes; para facelo continuo e permitir ademais a correcta evacuación das augas. Así mesmo, darase solución aos distintos elementos de mobiliario da praza, como o quiosco, xogos e bancos, coa finalidade de satisfacer as necesidades de funcionalidade dun espazo humanizado, dunha zona de reunión, de esparexemento e de lecer.
A Praza da Milagrosa pavimentarase cun material urbano ecolóxico fabricado con elementos de reciclaxe, unha premisa enmarcada dentro do compromiso que ten o Goberno cun desenvolvemento respectuoso co medio ambiente. Un dos obxectivos que o Concello baralla con este proxecto é manter o arboredo actual e os espazos de descanso, á sombra, de hoxe en día. Para elo, crearase unha zona axardinada no lado este, dotada de céspede e rego automático, conservando as árbores existentes e dispoñendo o mobiliario na súa contorna. Tamén se colocarán bancos de madeira e papeleiras. A zona de xogos retirarase da ubicación actual e esta zona pavimentarase a nivel co frente da igrexa, canalizando o tránsito peonil entre esta zona e a rúa Divina Pastora.
Manteranse os puntos de luz en fachada e substiturianse as farolas existentes por un modelo de maior eficiencia, con iluminación LED, dentro da política municipal de conseguir unha cidade enerxética sostible.
A zona de carga e descarga situarase no tramo da rúa Milagrosa, entre as interseccións con Doutor Yáñez Rebolo e rúa Mallorca, o que permite un acceso cómodo aos negocios; e a praza de aparcadoiro reservado a persoas con mobilidade reducida siturarase na rúa Doutor Yáñez Rebolo, próxima ao paso de peóns, o que garante un itinerario accesible ata a praza.
Audio
- Lara Méndez, sobre a peonalización da Milagrosa | Descargar mp3