A actuación, dentro do marco do Plan de Recuperación, Transformación e Resiliencia financiado pola Unión Europea, Next Generation; contará cun investimento total de 365.342,50 euros, canalizado polo Goberno autonómico.
“É fundamental a cooperación entre todas as institucións para levar a cabo proxectos tan necesarios como este. Só traballando xuntos poderemos proporcionar ás vítimas de violencia machista os recursos e a seguridade que precisan”, destacou a concelleira de Muller, Igualdade e Inclusión, Ángeles Novo.

O Executivo de Paula Alvarellos aprobará mañá, en Xunta de Goberno Local, o convenio de colaboración entre a Consellería de Política Social e Igualdade e o Concello de Lugo para o desenvolvemento e execución do plan "España te protege contra a violencia machista", no marco do Plan de Recuperación, Transformación e Resiliencia financiado pola Unión Europea, Next Generation.
Este convenio permitirá a rehabilitación de catro vivendas tuteladas destinadas a mulleres vítimas de violencia de xénero, cun investimento total de 365.342,50 euros, que será integramente financiado con fondos europeos Next Generation. As actuacións previstas inclúen melloras en accesibilidade, eficiencia enerxética e seguridade das vivendas, co obxectivo de ofrecer un espazo seguro e adecuado para a recuperación das mulleres afectadas.
A concelleira de Muller, Igualdade e Inclusión, Ángeles Novo, subliñou a importancia da colaboración entre as diferentes administracións para loitar contra a violencia de xénero: "É fundamental a cooperación entre todas as institucións para levar a cabo proxectos tan necesarios como este. Só traballando xuntos poderemos proporcionar ás vítimas de violencia machista os recursos e a seguridade que precisan".
Neste sentido, o convenio detalla que o Concello de Lugo será o encargado da execución material das obras de rehabilitación, mentres que a Consellería de Política Social e Igualdade supervisará o cumprimento dos obxectivos establecidos. As vivendas rehabilitadas estarán equipadas para garantir a máxima accesibilidade e cumprirán cos estándares máis rigorosos en termos de eficiencia enerxética, asegurando así un entorno confortable e sustentable para as súas usuarias.
Ao respecto, Novo engadiu que "as melloras non só incrementan a seguridade e o benestar das mulleres, senón que tamén son un exemplo do compromiso do Goberno local coa igualdade e a loita contra a violencia machista. A rehabilitación destas vivendas é un paso crucial para ofrecer ás vítimas un lugar seguro onde comezar unha nova vida. Trátase de inmobles con certa antiguedade sobre os que tíñamos previsto actuar e para os que buscamos esta vía de financiación para axilizar o proceso".
O Plan de Recuperación, Transformación e Resiliencia, financiado pola Unión Europea a través dos fondos Next Generation, permite ás administracións locais como o Concello de Lugo desenvolver proxectos que teñen un impacto directo e positivo na vida das persoas, demostrando a importancia de investir en iniciativas sociais para lograr un futuro máis igualitario e xusto.
Audio
- A concelleira de Muller, Igualdade e Inclusión, Ángeles Novo, sobre os pisos tutelados | Descargar mp3

