Concello de Lugo
Publicado en Concello de Lugo (https://concellodelugo.gal)

Inicio > O Executivo de Paula Alvarellos rehabilitará catro vivendas tuteladas, destinadas a mulleres vítimas de violencia de xénero, a través dun convenio con Política Social

O Executivo de Paula Alvarellos rehabilitará catro vivendas tuteladas, destinadas a mulleres vítimas de violencia de xénero, a través dun convenio con Política Social

A actuación, dentro do marco do Plan de Recuperación, Transformación e Resiliencia financiado pola Unión Europea, Next Generation; contará cun investimento total de 365.342,50 euros, canalizado polo Goberno autonómico.

“É fundamental a cooperación entre todas as institucións para levar a cabo proxectos tan necesarios como este. Só traballando xuntos poderemos proporcionar ás vítimas de violencia machista os recursos e a seguridade que precisan”, destacou a concelleira de Muller, Igualdade e Inclusión, Ángeles Novo.

  • Tema
    • Benestar social,
    • Desenvolvemento social,
    • Igualdade,
    • Igualdade de dereitos,
    • Conciliación,
    • Linguaxe sexista,
    • Violencia de xénero,
    • Inclusión,
    • Protección da comunidade,
    • Seguridade
Martes, 23 de xullo de 2024
Fonte: 
Gabinete de Prensa
O Executivo de Paula Alvarellos rehabilitará catro vivendas tuteladas, destinadas a mulleres vítimas de violencia de xénero, a través dun convenio con Política Social

O Executivo de Paula Alvarellos aprobará mañá, en Xunta de Goberno Local, o convenio de colaboración entre a Consellería de Política Social e Igualdade e o Concello de Lugo para o desenvolvemento e execución do plan "España te protege contra a violencia machista", no marco do Plan de Recuperación, Transformación e Resiliencia financiado pola Unión Europea, Next Generation.

Este convenio permitirá a rehabilitación de catro vivendas tuteladas destinadas a mulleres vítimas de violencia de xénero, cun investimento total de 365.342,50 euros, que será integramente financiado con fondos europeos Next Generation. As actuacións previstas inclúen melloras en accesibilidade, eficiencia enerxética e seguridade das vivendas, co obxectivo de ofrecer un espazo seguro e adecuado para a recuperación das mulleres afectadas.

A concelleira de Muller, Igualdade e Inclusión, Ángeles Novo, subliñou a importancia da colaboración entre as diferentes administracións para loitar contra a violencia de xénero: "É fundamental a cooperación entre todas as institucións para levar a cabo proxectos tan necesarios como este. Só traballando xuntos poderemos proporcionar ás vítimas de violencia machista os recursos e a seguridade que precisan".

Neste sentido, o convenio detalla que o Concello de Lugo será o encargado da execución material das obras de rehabilitación, mentres que a Consellería de Política Social e Igualdade supervisará o cumprimento dos obxectivos establecidos. As vivendas rehabilitadas estarán equipadas para garantir a máxima accesibilidade e cumprirán cos estándares máis rigorosos en termos de eficiencia enerxética, asegurando así un entorno confortable e sustentable para as súas usuarias.

Ao respecto, Novo engadiu que  "as melloras non só incrementan a seguridade e o benestar das mulleres, senón que tamén son un exemplo do compromiso do Goberno local coa igualdade e a loita contra a violencia machista. A rehabilitación destas vivendas é un paso crucial para ofrecer ás vítimas un lugar seguro onde comezar unha nova vida. Trátase de inmobles con certa antiguedade sobre os que tíñamos previsto actuar e para os que buscamos esta vía de financiación para axilizar o proceso".

O Plan de Recuperación, Transformación e Resiliencia, financiado pola Unión Europea a través dos fondos Next Generation, permite ás administracións locais como o Concello de Lugo desenvolver proxectos que teñen un impacto directo e positivo na vida das persoas, demostrando a importancia de investir en iniciativas sociais para lograr un futuro máis igualitario e xusto.

Audio

  • A concelleira de Muller, Igualdade e Inclusión, Ángeles Novo, sobre os pisos tutelados | Descargar mp3 [1]

URL fonte: https://concellodelugo.gal/gl/novas/o-executivo-de-paula-alvarellos-rehabilitara-catro-vivendas-tuteladas-destinadas-mulleres

Ligazóns:
[1] https://concellodelugo.gal/sites/default/files/230724_angelesnovo_pisostutelados.mp4