O Executivo de Lara Méndez prevé licitar este ano máis de 120 contratos por un importe superior aos 57 millóns de euros

A Xunta de Goberno local aprobou hoxe o Plan de Contratación Pública para o 2023 que contempla un importante esforzo inversor para crear e rexenerar os espazos públicos.

Do total dos procedementos, 18 se corresponden coa realización de obras, 51 coa contratación de servizos e outros 24 coa adquisición de subministros.

Entre as actuacións que se levarán a cabo figura a cubrición do parque infantil da Fonte dos Ranchos, a construción de dúas áreas de xogo en Paradai e Praza do Camiño, así como a remodelación integral da Praza Roxa de Fingoi.

Mércores, 15 de marzo de 2023
Fonte: 
Gabinete de Prensa
O Executivo de Lara Méndez prevé licitar este ano máis de 120 contratos por un importe superior aos 57 millóns de euros

O Executivo de Lara Méndez prevé executar neste 2023 da orde de 122 licitacións.

Así o recolle o Plan de Contratación Pública da Administración local que este mércores foi aprobado en Xunta de Goberno como unha das medidas habilitadas pola rexedora durante o mandato para mellorar a transparencia e fomentar a participación das empresas nos diferentes procedementos en curso.

“O documento recolle a relación das adxudicacións que as diferentes áreas municipais e unidades xestoras estiman tramitar durante o exercicio, en función das necesidades que deben atender e que, por tanto, se coñecen con antelación”, explicou a alcaldesa.

“Desde xeito – abondou Lara Méndez - tendo en conta a actividade contractual que o Concello quere desenvolver neste período, abordamos con rigor a fase de planificación previa dos procesos evitando urxencias innecesarias e garantindo a cobertura permanente das prestacións”.

A previsión é tramitar en torno aos 122 contratos por un importe que supera os 57 millóns de euros a falta de concretar, mediante o correspondente estudo de custos, o valor dalgunhas desas obras e/ou servizos.

“Non todos os procedementos puideron ser cuantificados aínda ao incluírse na listaxe os relativos á organización das festas do Arde Lucus, San Froilán ou a cabalgata de Reis, mentres que para outros se agarda acadar financiación europea a través das achegas dos fondos Next Generation como pode ser para a conversión do vello Matadoiro na nova sede da Protectora, os proxectos de mellora do ciclo integral da auga ou a restauración ecolóxica e creación do Parque Lineal Verde de Lugo”, exemplificou a rexedora.

“Falamos, por tanto, dun plan orientativo que, se ben non obriga imperativamente a licitar todos os contratos relacionados nel nin nas condicións indicadas, tampouco esgota as posibilidades de realizar contratacións diferentes e que poidan ser necesarias ao longo do ano”, referiu a alcaldesa que tamén fixo alusión ao importante esforzo inversor que contempla o devandito Plan, especialmente no que ten que ver coa creación de novas dotacións públicas para goce da veciñanza.

“É o caso da humanización e remodelación que queremos materializar na contorna da Praza Roxa de Fingoi, a cubrición dun dos parques infantís da Fonte dos Ranchos ou as reformas integrais anunciadas para as Prazas do Campo Castelo e do Castiñeiro, así como a construción de novas áreas de xogo na praza do Camiño Primitivo, en Paradai, ou no Sagrado Corazón, a peonalización da rúa Isaac Díaz Pardo, ou a rexeneración do Carril dos Loureiros, etc...”, deboullou Lara Méndez.

“Obras moi agardadas pola cidadanía que mellorarán a convivencia veciñal e que teñen como principal vocación a de incrementar a calidade de vida nos distintos barrios da cidade, dotándoos a todos de servizos e infraestruturas modernas, versátiles e de calidade, favorecendo a habitabilidade e o confort do conxunto da cidade”, engadiu.

Do total das licitacións que se pretende executar 18 se corresponden coa realización de obras, 51 coa contratación de servizos e outros 24 coa adquisición de subministros. Se inclúen tamén 14 contratos mixtos, 7 privados así como 4 concesións e outras tantas (4) adxudicacións do dominio público.

Outros asuntos da Xunta de Goberno Local

Por outra banda, tamén na sesión desta semana, o equipo de Goberno procedeu a dar o visto bo ao convenio de cooperación entre a Institución municipal e a Deputación para colaborar na pavimentación da rúa San Isidro Labrador que será sufragada polo ente provincial cunha achega económica de 163.334 euros.

Noticias relacionadas