O executivo de Lara Méndez completa o acondicionamento da contorna do novo CEIP do Sagrado Corazón coa repavimentación de Venancio Senra

Os traballos, orzamentados en 8.228 euros, comezarán esta semana e consistirán na substitución do firme nun tramo de beirarrúa de 45 metros de lonxitude.

A intervención desenvólvese a maiores do estipulado no convenio asinado entre o goberno de Lara Méndez e a Xunta de Galicia no anterior mandato, para mellorar os servizos que terá esta dotación.

Luns, 15 de marzo de 2021
Fonte: 
Gabinete de Prensa
O executivo de Lara Méndez completa o acondicionamento da contorna do novo CEIP do Sagrado Corazón coa repavimentación de Venancio Senra

Esta semana darán comezo os traballos de renovación do pavimento dun tramo da rúa Venancio Senra. Unha actuación coa que o executivo de Lara Méndez completa e conclúe o acondicionamento  que está a levar a cabo da contorna do novo CEIP do Sagrado Corazón. Unha nova infraestrutura educativa que se materializou ao abeiro do Convenio de Colaboración asinado, xa durante o anterior mandato, entre a Consellería de Cultura e o Concello de Lugo.

O edil Miguel Couto explicou que as tarefas, que teñen un prazo de execución dun mes, consistirán na substitución do firme e os bordos nun tramo de beirarrúa de 45 metros de lonxitude que se atopa en mal estado. “Son, polo tanto, obras de reparación e mantemento das dotacións existentes que se pospuxeron ata este momento para evitar que coincidiran coa acometida das canalizacións eléctricas na zona, co fin de evitar a ocupación completa da vía e as conseguintes molestias á veciñanza”.

Miguel Couto sinalou que a actuación se desenvolve a maiores do estipulado no convenio coa Xunta co obxectivo de mellorar os servizos que terá esta dotación e explicou que, dende a área de Urbanismo Sostible, xa se levaron a cabo nesta contorna, entre outras, tarefas para dotar ao novo centro de ensinanza  de iluminación e subministración de auga mediante a creación das conexións oportunas coas redes de abastecemento, saneamento e sumidoiros.

“Igualmente se executou a obra civil necesaria para soterrar o cableado e se pavimentou a calzada cunha capa de zahorra e dúas de mezcla de bituminosa en quente o que redundará na súa boa conservación. Así mesmo, procedeuse ao pintado e repintado dos pasos de peóns, paradas de bus e liñas de limitación de carril e se instalou a sinalización vertical necesaria”, relatou Miguel Couto.

Alén disto, Miguel Couto puxo de manifesto o compromiso constante do goberno de Lara Méndez por axilizar a tramitación dos asuntos de interese xeral que, en materia de competencias, o Concello comparte co executivo galego ao que, recordou, neste caso lle foron cedidos ao redor de 20.000 metros cadrados de superficie para proceder á construción do inmoble.

Noticias relacionadas