O executivo de Lara Méndez completa o acondicionamento da contorna do novo CEIP do Sagrado Corazón coa repavimentación de Venancio Senra
Os traballos, orzamentados en 8.228 euros, comezarán esta semana e consistirán na substitución do firme nun tramo de beirarrúa de 45 metros de lonxitude.
A intervención desenvólvese a maiores do estipulado no convenio asinado entre o goberno de Lara Méndez e a Xunta de Galicia no anterior mandato, para mellorar os servizos que terá esta dotación.
- Tema
- Infraestruturas,
- Obras en execución,
- Urbanismo

Esta semana darán comezo os traballos de renovación do pavimento dun tramo da rúa Venancio Senra. Unha actuación coa que o executivo de Lara Méndez completa e conclúe o acondicionamento que está a levar a cabo da contorna do novo CEIP do Sagrado Corazón. Unha nova infraestrutura educativa que se materializou ao abeiro do Convenio de Colaboración asinado, xa durante o anterior mandato, entre a Consellería de Cultura e o Concello de Lugo.
O edil Miguel Couto explicou que as tarefas, que teñen un prazo de execución dun mes, consistirán na substitución do firme e os bordos nun tramo de beirarrúa de 45 metros de lonxitude que se atopa en mal estado. “Son, polo tanto, obras de reparación e mantemento das dotacións existentes que se pospuxeron ata este momento para evitar que coincidiran coa acometida das canalizacións eléctricas na zona, co fin de evitar a ocupación completa da vía e as conseguintes molestias á veciñanza”.
Miguel Couto sinalou que a actuación se desenvolve a maiores do estipulado no convenio coa Xunta co obxectivo de mellorar os servizos que terá esta dotación e explicou que, dende a área de Urbanismo Sostible, xa se levaron a cabo nesta contorna, entre outras, tarefas para dotar ao novo centro de ensinanza de iluminación e subministración de auga mediante a creación das conexións oportunas coas redes de abastecemento, saneamento e sumidoiros.
“Igualmente se executou a obra civil necesaria para soterrar o cableado e se pavimentou a calzada cunha capa de zahorra e dúas de mezcla de bituminosa en quente o que redundará na súa boa conservación. Así mesmo, procedeuse ao pintado e repintado dos pasos de peóns, paradas de bus e liñas de limitación de carril e se instalou a sinalización vertical necesaria”, relatou Miguel Couto.
Alén disto, Miguel Couto puxo de manifesto o compromiso constante do goberno de Lara Méndez por axilizar a tramitación dos asuntos de interese xeral que, en materia de competencias, o Concello comparte co executivo galego ao que, recordou, neste caso lle foron cedidos ao redor de 20.000 metros cadrados de superficie para proceder á construción do inmoble.
