O Concello saca a poxa bens mobles e inmobles froito de embargos coa administración local

En dous procesos distintos, publicados no Boletín Oficial da Provincia, anúncianse o alleamento de varios vehículos, locais, vivendas e terreos

Xoves, 01 de setembro de 2016
Fonte: 
Gabinete de Prensa

O Concello anuncia a venda de bens mobles, a través da xestión directa de varios vehículos provenientes de embargos por débedas coa administración local, segundo a publicación no BOP número 166 de 20 de xullo de 2016. As ofertas presentaranse en sobre pechado no Rexistro Xeral do Concello en horario de 9:00 a 14:00 horas.

Ademais, a entidade local tamén anuncia a celebración de poxa pública dos bens inmobles embargados por mor do incumprimento coas obrigas voluntarias dos propietarios. Trátase de varios locais, vivendas e terreos. No acordo de alleamento sinalouse o día 13  de setembro  de 2016 para a realización da poxa pública, que se celebrará ás 10:00 horas na segunda planta do Centro de Convivencia Uxío Novoneyra sito na Rúa Quiroga Ballesteros. O anuncio e as bases da citada poxa foron publicados no BOP número 191 de 20 de agosto de 2016.

Toda a información relacionada con estes alleamentos pode ser consultada na Oficina de Recadación Executiva do Concello sita na Ronda da Muralla número 7-8 baixo, no Taboleiro de Anuncios do propio Concello sito na planta baixa do Centro de Servizos Municipais, na Ronda da Muralla número 197, así como na páxina web do Concello www.lugo.gal.