O Concello recomenda ós veciños do edificio da Avenida da Coruña afectado por un incendio que non volvan de momento ás súas vivendas

Venres, 30 de decembro de 2011
Fonte: 
Gabinete de Prensa

O primeiro esquerda sofre danos estruturais e as outras nove vivendas tardarán uns días en ser habitables

O Alcalde reuniuse hoxe cos veciños desaloxados polo incendio

López Orozco felicitou ós bombeiros, ás policías local e nacional e a protección civil polo seu labor no incendio más grave ocorrido en Lugo nos últimos anos

O Concello recomendoulle ós veciños do edificio 165 da Avenida da Coruña, afectado polo grave incendio que se rexistrou onte pola tarde no local de Maratón, que non volvan de momento ás súas vivendas, segundo explicou o Alcalde, José López Orozco.
O Alcalde mantivo esta mañá unha reunión cos veciños que tiveron que desaloxar o edificio afectado polo lume.

Segundo explicou o Alcalde en rolda de prensa, na que estivo acompañado polo Xefe de Bombeiros, José Cedrón, un dos pisos, o primeiro esquerda, ten danos estruturais que impiden que sexa habitado por motivos de seguridade, xa que a placa cedeu varios centímetros nunha parte da vivenda.

O resto dos pisos non presentan problemas de seguridade xa que non hai grandes desperfectos estruturais, aínda que se considera convinte revisar un piar porque posiblemente conveña reforzalo. Aínda así, o Concello aconsellou ós veciños que non regresen as súas casas alomenos ata dentro de tres ou catro días, porque non se consideran habitables de momento, xa que será necesario limpalas e ventilalas, ademais de repoñer cristais rotos e subministros, mesmo o da auga. Tamén se lles recomendou ós veciños que se faga cargo da limpeza unha empresa especializada.

O Alcalde agradeceu hoxe o comportamento cívico dos veciños que foron evacuados onte e ata que foron extinguidas as lapas non puideron entrar nas súas casas, sempre acompañados polos bombeiros, para recoller algunhas pertenzas. O Concello ofreceulles, tanto onte coma hoxe, axuda para realoxalos se fora necesario, posibilidade que rexeitaron as familias desaloxadas, e tamén se encarga o Concello da seguridade do edificio mentres non volva á normalidade.

López Orozco felicitou publicamente a todas as persoas que lle fixeron fronte a este importante incendio. O Alcalde gabou o labor dos bombeiros de Lugo dos que destacou que “actuaron con enorme profesionalidade para extinguir este incendio que foi o máis grave rexistrado na cidade nos últimos anos”. O Alcalde felicitou, asimesmo, ós axentes da Policía Local, e tamén ós da Policía Nacional e ós membros do Servizo de Protección Civil polo seu comportamento e o seu bo facer neste grave suceso que viviu onte a nosa cidade.

O Alcalde detallou que nun primeiro momento foron oito bombeiros, os que estaban de garda, os que acudiron ó incendio, pero ó ver a súa grande magnitude do lumen, incorporáronse máis efectivos, ata chegar a dezaseis. Aínda que as bocas de rego deron subministro dabondo ás autobombas das que se valeron os bombeiros para extinguir o lume, tamén foron desprazados á zona catro autobombas de Urbaser, por se fora necesaria a súa intervención, cousa que non sucedeu.

Pola súa parte, o Xefe de Bombeiros explicou que o aviso do lume recibiuse a través dunha chamada que fixo o 112 e só uns minutos máis tarde xa se chegou á zona. Considerou que a actuación dos bombeiros foi eficaz, nunhas circunstancias difíciles porque as lapas chegaron a acadar unha altura de 14 metros.

Multimedia

Noticias relacionadas