O Concello logra que os participantes no seu novo plan de emprego reciban certificado de profesionalidade

O Goberno local e a Xunta asinan o convenio que permitirá obter a homologación ao alumnado do plan Empregalia, mozos e mozas menores de 30 anos, o que aumentará as súas posibilidades de inserción laboral

Recibirán o certificado os participantes nos itinerarios formativos sobre actividades auxiliares en viveiros e xardíns, socorrismo, operacións básicas de cociña e de cátering, e dinamización de actividades de tempo libre, educativo, infantil e xuvenil

Na outra acción formativa incluída no plan, sobre aplicación e manexo de drons, o alumnado terá acceso ao exame para a obtención dos certificados básico e avanzado oficiais de Piloto de RPAs, expedidos pola Axencia Estatal de Seguridade Aérea

Xoves, 08 de febreiro de 2018
Fonte: 
Gabinete de Prensa
O Concello logra que os participantes no seu novo plan de emprego reciban certificado de profesionalidade

A Concelleira de Economía, Emprego e Desenvolvemento Económico, Ana Prieto, e o director xeral de Orientación e Promoción Laboral, José Alfonso Marnotes, asinaron este xoves un convenio de colaboración entre Concello e Xunta que permitirá aos participantes no novo plan de emprego impulsado polo Goberno local, Empregalia, obter o certificado de profesionalidade ao rematar as accións formativas, “o que aumentará aínda máis as súas posibilidades de inserción no mercado laboral”, subliñou Prieto. Ao acto de sinatura asistiron a xefa territorial da Consellería de Economía, Pilar Fernández, e o delegado da Xunta na provincia, José Manuel Balseiro.

No convenio asinado hoxe recóllense as características e condicións que debe reunir a  formación impartida a través dos itinerarios formativos de Empregalia asociados aos certificados de profesionalidade para que o alumnado participante poida obtelos, no caso de recibir avaliación positiva. Os devanditos itinerarios formativos homologables son os seguintes:

  • Actividades auxiliares en viveiros, xardíns e centros de xardinería
  • Socorrismo en espazos acuáticos naturais
  • Socorrismo en instalacións acuáticas
  • Operacións básicas de cociña
  • Operacións básicas de cátering
  • Dinamización de actividades de tempo libre, educativo, infantil e xuvenil

No caso da outra acción formativa incluída no plan, sobre aplicación e manexo de sistemas aéreos non tripulados: RPAs ou drons, o alumnado terá acceso ao exame para a obtención dos certificados básico e avanzado oficiais de Piloto de RPAs, expedidos pola Axencia Estatal de Seguridade Aérea.

Empregalia é o novo plan de emprego impulsado polo Goberno de Lugo grazas á captación de fondos europeos. Favorecerá a inserción laboral de 150 mozos e mozas menores de 30 anos –inscritos no Programa Nacional de Garantía Xuvenil- a través da formación en xacementos de emprego: tecnoloxía, turismo e lecer. Está dotado con 644.000€, dos que a UE achega o 91,8% e o Concello o 8,2% restante.

O Concello licitou o 29 de xaneiro o contrato para impartir a docencia especializada, cun importe de 205.000€. As accións formativas –teoría e práctica en empresas- desenvolveranse de marzo a xuño.

A homologación da formación, un plus

A Concelleira de Economía explicou que, co fin de garantir as máximas cotas de inserción no mercado de traballo dos 150 mozos e mozas participantes, “elaboramos un proxecto con itinerarios formativos nos sectores con maiores perspectivas de crecemento económico e de emprego no municipio, como son a tecnoloxía, turismo e lecer. Para elo, contamos con asociacións de persoas discapacitadas e organizacións sen ánimo de lucro, pois perséguese tamén que as persoas con maiores dificultades de acceso ao emprego teñan a oportunidade de formarse e mellorar a súa empregabilidade”.

“Agora”, engadiu Prieto, “damos un paso máis, engadimos este plus, coa sinatura deste convenio entre a Xunta de Galicia e o Concello, que permitirá aos participantes con avaliación positiva obter o certificado de profesionalidade, o que aumentará aínda máis as posibilidades de inserción laboral dos participantes, optimizando ao mesmo tempo o uso dos fondos públicos”.

Compromiso co emprego

A edil subliñou o compromiso do Goberno co emprego, aínda sendo competencia das administracións autonómica e central: “Mentres haxa un só lucense sen emprego querendo traballar, poñeremos todos os recursos, dentro das nosas posibilidades, para contribuír á súa inserción no mercado laboral, ben sexa a través de axudas á contratación, formación nas profesións con máis futuro ou fomento do emprendemento”.

Por iso, explicou, “desenvolvemos un traballo planificado e exhaustivo co fin de captar a maior cantidade de investimentos para crear emprego no municipio”. Deste xeito, a  día de hoxe, o Concello ten en marcha catro plans de fomento do emprego, dotados con 1M€, que beneficiarán a uns 200 lucenses. Trátase do propio plan Empregalia, os obradoiros de emprego TIC Arqueolóxico e Lugo Cóidate; e os AFDs.

Así mesmo, no Orzamento deste 2018 recén aprobado inicialmente, o Goberno contempla 3M€ para emprego.

Noticias relacionadas