O Concello dedicará 108.000 euros a elaborar un plan especial que regularice e permita o desenvolvemento do polígono da Louzaneta

A Alcaldesa reuniuse cos industriais da zona, aos que informou que a empresa pública municipal Evislusa realizará o planeamento urbanístico a través dunha encomenda de xestión

Mércores, 02 de decembro de 2015
Fonte: 
Gabinete de Prensa
O Concello dedicará 108.000 euros a elaborar un plan especial que regularice e permita o desenvolvemento do polígono da Louzaneta

A Alcaldesa, Lara Méndez, reuniuse este mércores cos empresarios da Louzaneta, un encontro mantido na explanada do antigo concesionario de Renault, na estrada vella de Santiago. Nel, a rexedora informounos de que o Concello destinará no Orzamento de 2016 unha partida de 108.000 euros co fin de elaborar un plan especial de ordenación para a zona, esto é, un instrumento de desenvolvemento urbanístico no que quedará definida a situación actual do polígono –as rúas, beirarrúas, naves existentes e parcelas edificables- e que resulta imprescindible para regularizar o complexo como zona industrial, así como o seu desenvolvemento, e a mellora e a dotación de novos servizos a través dun plan de urbanización, que se encargarían xa de sacar adiante as propias empresas.

Lara Méndez comunicou aos industriais que a empresa pública municipal Evislusa, a través dunha encomenda de xestión do Concello, será a encargada de realizar o plan especial, para o que se utilizará como base un levantamento topográfico xa existente, que elaboraron os propios empresarios da zona e foi revisado polos servizos de enxeñería municipais.

Con este planeamento especial, que desenvolverá o contemplado no PXOM, o Concello responde con medidas concretas á demanda dos industriais da Louzaneta, no que están asentadas unha trintena de empresas, agrupadas nunha asociación presidida por Luis Abelleira.

Noticias relacionadas