O Concello de Lugo trasladará á Xunta informes sobre a actividade dos gorrillas para que a administración autonómica estime a conveniencia de retirarlles aos infractores as axudas que perciben por atoparse en risco de exclusión social

Un dispositivo de vixilancia desenvolvido pola Policía Local a pasada semana detectou que os coñecidos como “gorrillas” estarían a obter con esta práctica ilícita unhas ganancias superiores ao Salario Mínimo Interprofesional

Martes, 17 de setembro de 2019
Fonte: 
Gabinete de Prensa
O Concello de Lugo trasladará á Xunta informes sobre a actividade dos gorrillas para que a administración autonómica estime a conveniencia de retirarlles aos infractores as axudas que perciben por atoparse en risco de exclusión social

A alcaldesa de Lugo, Lara Méndez, daba conta esta mañá das actuacións desenvolvidas nas últimas semanas pola Policía Local para combater a actividade dos “aparcacoches ilegais” nas inmediacións do Hula e explicaba, a continuación, cal será o procedemento que o Concello de Lugo, a través da Xefatura do corpo policial, desenvolverá  coa fin de tratar de erradicar definitivamente esta práctica que está a xerar tanto malestar entre a cidadanía.
 
“Trátase dunha problemática da que Lugo, ao igual que o resto de cidades non é allea aínda que, no caso do noso Concello, concéntrase nun único foco: as proximidades do centro hospitalario”, indicou a rexedora.
 
Lara Méndez sinalou que, “aínda que detrás das causas que empurran a estas persoas a pedir diñeiro por dar indicacións sobre onde estacionar os vehículos, atópase un compoñente eminentemente social, dende o goberno estamos convencidos de que o copago encuberto que propicia a Xunta coas tarifas tan elevadas que mantén no parking do Hospital é outro dos factores que perpetúa a existencia dos coñecidos popularmente como gorrillas”.
 
“Temos que lembrar que infinidade de veces denunciamos os prezos abusivos que se cobran por aparcar neste estacionamento que, non podemos esquecer, foi construído en terreos municipais, que esta administración local cedeu para contribuír a prestar un servizo público. E por iso, en constantes ocasións, lle solicitamos tamén ao goberno autonómico que revisara e corrixira as tarifas axustándoas ao tipo de instalación da que se trata: un hospital, ao que ninguén vai por ocio, no que o común son as estadías longas e que acolle a pacientes de toda a provincia”, referiu a alcaldesa.
 
“Fronte á calada por resposta, que foi canto obtivemos da Xunta ata o de agora – lamentou Lara Méndez - dende o Concello, en cambio, sí estamos a actuar para, cando menos, impedir que, ao prexuízo de ter que buscar aparcamento para acudir a unha consulta médica, haxa que engadir as coaccións das persoas que pretenden facer negocio desta necesidade”.
 
A rexedora deu a coñecer que durante a semana pasada Policía Local de Lugo realizou dispositivos diarios para mellorar a seguridade na contorna do Hula.
 
“No marco destes operativos, foron levantadas 10 actas de infracción á Lei de Seguridade Vial e á Ordenanza de Circulación, non só por transitar ou permanecer na calzada para indicar aos condutores as prazas de estacionamento que estaban libres, senón tamén por causar perigo, entorpecendo o tráfico e por xerar molestias aos ususarios dos vehículos. Finalmente, os axentes identificaron a sete persoas que realizaban este traballo de forma habitual, puidendo comprobar posteriormente que esta actividade lles reporta unhas ganancias superiores ao Salario Mínimo Interprofesional”.
 
“Tendo en conta isto e, xa que as persoas que foron identificadas puideran estar percibindo ademais algún tipo de renda de inclusión social, a partir de agora – anunciou a alcaldesa -  o Concello de Lugo, a través da Xefatura do Corpo da Policía Local, remitirá informe ao respecto ao órgano competente da Xunta de Galicia para determinar se, en cada caso, procede a suspensión ou extinción destas prestacións xa que serían incompatibles coa actividade que levan a cabo ou ben, porque cos ingresos que obteñen, non cumprirían cos requisitos esixidos para o seu outorgamento. E o mesmo acontecerá coas axudas que reciban dos Servizos Sociais Municipais que tamén iniciarán un procedemento para dirimir se procede a cancelación das mesmas”.
 
“É dicir, dende o Concello de Lugo non só actuaremos conforme as atribucións que nos son propias, como son a vixilancia e a seguridade na vía pública así como a capacidade sancionadora, senón que imos un paso máis alá instando á Xunta a asumir as competencias que lle son propias, para tratar de disuadir aos aparcacoches ilegais e eliminar definitivamente esta práctica”, salientou Lara Méndez.
 
Por outra banda, a rexedora adiantou que, mañá mércores, aprobarase en Xunta de Goberno os pregos de prescricións técnicas e de cláusulas administrativas, así como do gasto e a adxudicación por procedemento aberto para a contratación da subministración de calzado e de pezas de uniformidade como botas, cazadoras, luvas, camisetas, etc… para a Policía. Contratos que contan cun orzamento total de 107.000 euros (15.000 para o calzado e 92.000 € para o resto do vestiario) e co que o Concello de Lugo quere atender unha das necesidades e demandas máis importantes deste corpo de seguridade, como é o equipamento persoal dos seus axentes, que prestan un servizo moi estimado para a cidadanía.

Audio

  • A alcaldesa de Lugo, Lara Méndez, sobre os aparcacoches ilegales | Descargar mp3

Noticias relacionadas