O Concello de Lugo presenta as actividades da Semana da Mobilidade

Luns, 12 de novembro de 2007
Fonte: 
Gabinete de Prensa

O Concelleiro de Protección da Comunidade, José Rábade, o de Deportes, José Manuel Díaz Grandío, a de Xuventude, Carmen Basadre e a de Educación, Dolores Vieiro, presentaron a Semana da Mobilidade 2007 que comezará o vindeiro luns 17 de setembro.

Cinco Concellerías traballan xuntas para presentar un completo programa de actividades ó longo de toda a semana, favorecendo o uso de transportes alternativos ó automóbil.

Un ano máis o Concello lucense quere colaborar na reducción do uso do coche pola cidade e na concienciación cidadá para contribuir á consevación do medio ambiente mediante pequenos xestos como pode ser o uso do autobus urbano ou da bicicleta.

O luns 17 de setembro, comezan as actividades da man da Concellería de Educación. Dende o departamento que dirixe Dolores Vieiro, poñen en marcha o programa Usa a Bici os días 17, 18, 19 e 21, dende as 17:00 horas ata as 19:30 co punto de partida na Praza Maior.

O xoves 20 de setembro a Concellería de José Rábade dedica o seu tempo ós máis cativo co programa educativo Edúcate e protéxete. Unha iniciativa encamiñada a concienciar ós máis pequenos da importancia que ten a precaución ó usar un vehículo. Un axente da Policía Local será o encargado de impartir esta charla que rematará cunha viaxe en autobús urbano. A actividade comezará ás 17:00 e está dirixida ós nenos da Ludoteca de Fontiñas.

O venres 21 de setembro, Rábade presentará Rebicíclate. O novo servizo de aluguer de bicicletas municipais que pon en marcha o Concello de Lugo. Trátase dunha forma de transporte alternativo para todos os lucenses que permitirá os desprazamentos non contaminantes pola cidade.

Poñeranse progresivamente en marcha 5 bases distribuidas por toda a cidade para recollida e depósito das 100 bicicletas postas en servizo. Está proposta está enmarcada dentro do Convenio de colaboración asinado entre o Concello de Lugo e o INEGA.

O día 22 de setembro será a data central das actividades. Celébrase o Día Europeo sen coches, e Lugo pon en marcha A Cidade sen o meu coche. Como en anos anteriores o Concello restrinxirá o tráfico ás rúas do recinto amurallado. Será dende as 10 da mañá ata as 18:00 horas. Ese día, ademais, o transporte público urbano terá unha tarifa especial de 20 céntimos para incentivar o seu uso.

Dende a Concellería de Xuventude, aproveitan este día tamén para poñer en marcha a iniciativa Museos a pé. Todos os que o desexen poden participar nunha visita a pé polos Museos da cidade. Comeza ás 11:00 horas cunha saída dende a Praza Maior en dirección a: Casa dos Mosaicos, Sala de exposicións Porta Miñá, Muralla (dende a Porta de Santiago ata a baixada da Praza do Cantiño) e Centro Arqueolóxico de San Roque.

Deportes, pola súa banda, organiza o mesmo día 22, o VI Gran Premio Lugo Rural de ciclismo. Este ano comezará ás 16:00 e ás 19:30 horas e o percorrido será: Praza de Santo Domingo (saída e meta), Rúa San Marcos, Praza de San Fernando, Ronda da Muralla entre a Porta de San Fernando e a de Bispo Odoario, Bolaño Rivadeneira, Quiroga Ballesteros e Praza de Santo Domingo.

O día 23 de setembro como broche de ouro, terá lugar o XIV Día da Bicicleta, que comezará cunha concentración na Praza Maior ás 11:30 e un percorrido en bici que sairá do Concello ás 12:00 horas. O itinerario nesta edición será: Rúa Raíña, San Marcos, San Fernando, Avenida da Coruña, Rúa Mallorca, Praza da Milagrosa, Curros Enríquez, Valle Inclán, Rúa das Gardas, Lamas de Prado, Rúa Portugal, Eduardo Pondal, Doutor Gasalla, Ronda da Muralla, Rúa Villalba, Avenida Rodríguez Mourelo, Avenida García Portela, Ramón Ferreiro (ida e volta), Rúa Ángel López Pérez, Ronda da Muralla, Avenida da Coruña, Rúa Montefaro, Avenida Infanta Elena, Centro Comercial das Termas.

Noticias relacionadas