O Concello de Lugo ofrecerá máis de 3.500 prazas nas actividades das piscinas de Frigsa e As Pedreiras durante o curso 2024/2025

Un total de 210 nenos e nenas están participando nos cursos intensivos que se están celebrando actualmente.

Ocupadas todas as prazas para o primeiro trimestre tanto nos cursos de natación como nas actividades para maiores de 65 anos.

"O traballo do executivo de Paula Alvarellos permite manter os prezos e facilitar o acceso a unha actividade altamente demandada", afirma Jorge Bustos.

Mércores, 25 de setembro de 2024
Fonte: 
Gabinete de Prensa
O Concello de Lugo ofrecerá máis de 3.500 prazas nas actividades das piscinas de Frigsa e As Pedreiras durante o curso 2024/2025

O Concello de Lugo, a través da Área de Xuventude e Deportes, oferta máis de 3.500 prazas para as actividades de natación e exercicio nas piscinas municipais de Frigsa e As Pedreiras durante o curso 2024/2025. Esta oferta abrangue tanto cursos trimestrais para crianzas e adultos, como actividades para maiores de 65 anos. Actualmente, xa hai 210 nenos e nenas participando nos cursos intensivos, e as prazas dos cursos trimestrais que comezarán en outubro están practicamente cubertas, demostrando o grande interese da veciñanza por esta programación.

En liña coa política de accesibilidade do Concello, as taxas para os cursos mantéñense conxeladas un ano máis. O prezo para as crianzas é de 18,40 euros ao mes, mentres que para os adultos será de 22,90 euros ao mes. "O traballo do executivo de Paula Alvarellos é fundamental para garantir que as instalacións deportivas sexan accesibles a todos os cidadáns, mantendo prezos públicos asequibles para unha actividade tan demandada como a natación", destacou o concelleiro de Deportes, Jorge Bustos.

Os cursos trimestrais terán lugar nas piscinas de Frigsa e As Pedreiras en tres períodos: de outubro a decembro, de xaneiro a marzo, e de abril a xuño. As prazas distribúense en 408 para crianzas e 582 para adultos cada trimestre. As actividades inclúen diferentes niveis, desde aprendizaxe ata perfeccionamento, así como cursos específicos para adultos, como natación saúde, natación con aletas e natación para embarazadas. As clases celebraranse os luns e mércores ou os martes e xoves, ofrecendo unha ampla dispoñibilidade horaria tanto en Frigsa como en As Pedreiras. Para quen quedara fora da primeira fase de matrículas haberá unha segunda oportunidade para participar nos meses de novembro e decembro deste primeiro trimestre de formacións: o 17 e 18 de outubro abrirase un novo prazo de inscrición, nas piscinas de Frigsa e As Pedreiras, para matrículas que queden liberadas. 

"A ampla dispoñibilidade horaria e a excelente formación dos nosos monitores permiten que esta actividade sexa unha das máis valoradas pola veciñanza", engadiu Bustos, facendo fincapé na calidade do servizo ofrecido.

Actividades para maiores de 65 anos

A tempada 2024/2025 tamén inclúe un programa específico para maiores de 65 anos, que combina dous días de ximnasia de mantemento e un día de natación á semana. As actividades terán lugar tanto na piscina de Frigsa como na de As Pedreiras, cun total de 330 prazas dispoñibles. En Frigsa, ofértanse 250 prazas distribuídas en cinco grupos, mentres que en As Pedreiras hai 80 prazas dispoñibles en catro grupos. O prezo é de 7,90 euros ao mes, e a matrícula poderá realizarse do 16 ao 20 de setembro nas oficinas de Frigsa.

"Este programa está deseñado para mellorar a calidade de vida dos nosos maiores, ofrecendo unha actividade física adaptada ás súas necesidades, co mesmo compromiso de calidade e accesibilidade que caracteriza a nosa oferta deportiva", sinalou Jorge Bustos.

Audio

  • O edil de Xuventude, sobre as piscinas de Frigsa e As Pedreiras | Descargar mp3

Multimedia

  • O Concello de Lugo ofrecerá máis de 3.500 prazas nas actividades das piscinas de Frigsa e As Pedreiras durante o curso 2024/2025

Noticias relacionadas