O Concello de Lugo compromete a súa colaboración para que o circuíto municipal Jorge Prado acolla unha das probas do Campionato de España de Motocross

O piloto lucense e o vigués, Rubén Fernández, confirmaron xa a súa participación nesta cita que terá lugar no mes de febreiro.

A alcaldesa, Lara Méndez, destaca a proxección que suporá para a cidade de Lugo ser a sede da competición á que acudirán 130 deportistas e máis de 10.000 expectadores.

Luns, 07 de novembro de 2022
Fonte: 
Gabinete de Prensa
O Concello de Lugo compromete a súa colaboración para que o circuíto municipal Jorge Prado acolla unha das probas do Campionato de España de Motocross

A alcaldesa, Lara Méndez, anunciou que Lugo será a sede dunha das sete probas do Campionato de España de Motocross, á que o Concello colabora cunha achega de 70.000 euros.

A rexedora agradeceu, así mesmo, o compromiso de apoio á mesma manifestado pola Xunta de Galicia e a Deputación Provincial o que, destacou, “vén a reforzar a aposta decidida do Executivo local por contar cun circuíto municipal na cidade de Lugo”.

Aompañada polo edil de Xuventude e Deportes, Mauricio Repetto, Méndez recibía esta mañá na Casa Consistorial ao presidente da Asociación Motopark Lugo, Miguel Parga, entidade que xestiona as instalacións municipais e promotor da iniciativa.

A alcaldesa non dubidou en “ofrecer a máxima cooperación do Concello para que o circuíto Jorge Prado sexa o escenario da competición que, cun alto poder de convocatoria, axudará – estamos seguros – a proxectar a imaxe da nosa cidade como un excelente destino para a práctica desta disciplina, actualmente en auxe”.

“Só unhas semanas despois de inaugurar oficialmente esta dotación, estamos a comprobar que comeza a posicionarse xa como nunha pista de referencia, con capacidade para albergar probas nacionais e internacionais”, engadiu a rexedora ao tempo que puxo en valor o atractivo do evento - no que se disputarán probas de MX1, MX2 e MX125 – e no que se prevé a participación duns 130 deportistas e a asistencia de máis de 10.000 espectadores.

Neste senso, tanto Lara Méndez como o concelleiro, Mauricio Repetto, sinalaron a versatilidade do recinto municipal, ubicado na parroquia de Teixeiro, que conta con 2.000 metros de pista e 10 metros de ancho. Para a súa execución aproveitáronse os desniveis naturais do terreo para facer parte dos saltos, contando así cunha ampla variedade, tamén de trazadas, para todos os niveis, mesmo aqueles máis técnicos e aptos para pilotos experimentados. A parcela dispón, alén, dun espazo habilitado para o paddock e reservouse, igualmente, outra zona para a práctica de quad cros, enduro e trial.

Á espera da confirmación da Federación para concretar as datas desta cita, todo parece indicar que a mesma tratará de fixarse nos primeiros fines de semana do mes de febreiro.

Noticias relacionadas