O Concello de Lugo comeza a xirar hoxe os 73.100 recibos do imposto de circulación por importe de 5’7 millóns de euros

A edil de Gobernanza recorda que o prazo de pago voluntario rematará o 20 de outubro e convida á cidadanía a informarse das bonificacións, entre elas, aos turismos menos contaminantes que rebaixan até o 75% a cota do gravame.

Paula Alvarellos animou á poboación a domiciliar en sede electrónica os próximos recibos para simplificar a tramitación.

Venres, 19 de agosto de 2022
Fonte: 
Gabinete de Prensa
O Concello de Lugo comeza a xirar hoxe os 73.100 recibos do imposto de circulación por importe de 5’7 millóns de euros

O Concello de Lugo comezou hoxe a xirar o recibo do imposto de circulación, coincidindo coas datas establecidas no calendario fiscal.

Segundo consta no servizo de Facenda Local, este 2022 figuran matriculados no municipio un total de 73.100 vehículos (863 máis que o ano anterior) que tributarán ás arcas municipais 5.781.179 euros, o que converte ao IVTM no segundo imposto municipal máis cuantioso, logo do IBI.

A edil de Gobernanza, Paula Alvarellos, recorda que o período voluntario para proceder ao seu abono remata o 20 de outubro e convida á cidadanía a informarse das bonificacións existentes que rebaixan considerablemente a cota do gravame, entre outros, aos automóbiles menos contaminantes.

Dentro da estratexia de acadar unha cidade máis sostible e respectuosa co ecosistema, as persoas propietarias de turismos híbridos ou aqueles que empreguen un combustible de baixa incidencia para o medio ambiente (motor eléctrico e/ou emisións nulas, biogás, gas natural, gas líquido, metano, metanol, hidróxeno, gasolina-gas, eléctrico-gasolina, etc) poden solicitar e beneficiarse durante tres anos, dun desconto de até o 75% na cota da rodaxe”, indicou a tenenta de alcaldesa.

Paula Alvarellos quixo aproveitar, alén, para animar á poboación a domiciliar os seus recibos dende a sede electrónica municipal (www.lugo.gal). Un procedemento informático que permite ás e aos contribuíntes realizar o trámite dunha maneira áxil e sinxela, sen necesidade de aportar ningún tipo de documentación.

O único requisito que esixe este sistema é estar en posesión de certificado dixital”, referiu a concelleira.

A responsable da área económica sinalou, a continuación, algunhas das vantaxes de empregar a vía telemática.

A primeira é unha maior dilixencia en todo o proceso porque se evita ter que pedir cita previa e acudir ao Rexistro para entregar a instancia e tampouco resulta necesario aportar documento algún. O único que cómpre facer é asinar unha declaración responsable confirmando a titularidade, ou a autorización da/do titular, da conta bancaria que se facilita”, referiu, ao tempo que indicou que, para que a domiciliación surta efecto, esta debe realizarse con dous meses de antelación ao inicio do período voluntario de pago polo que, en caso de facerse agora, tería aplicación para o vindeira etapa impositiva.

Audio

  • Paula Alvarellos, sobre o imposto de circulación | Descargar mp3
 

Noticias relacionadas