O Concello aprobou hoxe os proxectos da última fase do Plan Paradai que contribuirán a desconxestionar o tráfico na cidade

Mércores, 21 de xullo de 2010
Fonte: 
Gabinete de Prensa

O Concello deu o visto e prace os proxectos da cuarta fase do Plan Paradai e dá cumprimento deste xeito ó Convenio coa Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas.

A Xunta de Goberno local aprobou hoxe inicialmente os dous últimos proxectos de urbanización deste Plan. Son, concretamente, o proxecto Ponte Paradai-rúa Serra de Meira-avenida da Estación-praza de Conde Fontao e a estrada das Gándaras.

O Concelleiro de Infraestruturas, José Piñeiro, explicou que “nesta última fase do plan vanse facer obras de suma importancia e moi necesarias para mellorar o tráfico porque axudarán a darlle moita fluidez á circulación”. Piñeiro explicou que a Ponte Paradai “unirá Duquesa de Lugo, a través de Serra de Meira, con Carlos Azcárraga”, polo que “é unha solución moi importante para o tráfico da estrada de Asturias que permitirá aliviar a Ponte da Estación e o cruce de Miguel de Cervantes e Fontiñas”. Ademais, o Concelleiro de Infraestruturas explicou que a construción da nova Ponte Paradai dará continuidade a Duquesa de Lugo ata a Praza de Conde Fontao que será o vial de saída do Ceao.

Este proxecto ten un presuposto de 6.227.000 euros e a Xunta de Galicia ten previsto iniciar as obras este mesmo ano.

O segundo proxecto aprobado hoxe inicialmente é a urbanización da estrada das Gándaras, entre Serra de Meira e Virxe dos Ollos Grandes, que conta cun presuposto de 2.311.800 euros. José Piñeiro indicou que este proxecto “é importante para dar servizo ós veciños da zona e tamén para dar seguridade ós peóns que camiñan pola estrada que non dispón de beirarrúas como é debido”.

O Concelleiro de Infraestruturas explicou que estes dous proxectos someteranse agora a exposición pública durante vinte días e confía en que “a Xunta inicie a licitación e a contratación das obras canto antes para levar adiante esta última fase do Plan Paradai”.

Ademais, a Xunta de Goberno adxudicou provisionalmente á empresa Canalugo as obras de repavimentación do Camiño do Souto, por un importe de 121.000 euros.

Transporte metropolitano

Outra decisión que tomou a Xunta de Goberno foi a aprobación do convenio coa Xunta para implantar o Transporte metropolitano. O voceiro do Goberno local, José Rábade, anunciou que o venres haberá unha reunión coa Xunta para tratar deste proxecto e indicou que o Goberno galego comprometérase a que o transporte metropolitano estea en funcionamento no mes de setembro e “confiamos en que ese compromiso se manteña para poñer en marcha este servizo”. Segundo explicou, o convenio prevé que a Xunta invista 125.000 euros nas novas canceladoras dos autobuses e outros 300.000 na instalación de marquesinas.

Cuartel de San Fernando

A Xunta de Goberno tamén aprobou hoxe a cesión do antigo Cuartel de San Fernando para instalar nel o Centro de interpretación e Museo da Romanización. O Concello cédelle gratuitamente a Xunta o Cuartel que lle comprara ó Ministerio de Defensa en setembro de 2005.

Control de estorniños

Ademais, a Xunta de Goberno do Concello autorizou a contratación dun plan integral de control de estorniños. A duración do contrato será de tres anos e o presuposto para o primeiro ano será de 18.300 euros.

Multimedia

Noticias relacionadas