O Concello aproba o proxecto de urbanización da Louzaneta por 336.000 euros

A Xunta de Goberno avanzou nos trámites para a execución subsidiaria das obras, que consisten na terminación da urbanización, igualación das cotas das rúas, alumeado público e conexión do saneamento

O seguinte paso será a licitación do proxecto, que unha vez rematado permitirá a recepción das obras de urbanización, polo que os veciños dispoñerán de todos os servizos municipais axeitados

Nesta mesma sesión deuse luz verde a un convenio de colaboración coa Deputación de Lugo para executar a construción dun cobertizo de madeira e delimitar as zonas verdes da Carballeira de Nadela

Mércores, 27 de xaneiro de 2016
Fonte: 
Gabinete de Prensa
imaxe1

A Xunta de Goberno local deste mércores aprobou os trámites necesarios para avanzar na execución subsidiaria das obras de urbanización no polígono 2 Sector SUB-B da Louzaneta-As Areeiras. Así o deu a coñecer o voceiro municipal, Miguel Fernández, quen informou que se desestimaron os recursos de reposición interpostos pola Xunta de Compensación contra un acordo da Xunta de Goberno Local de data 8 de agosto de 2012, polo que se desestimou a solicitude de cambio de sistema de actuación de compensación polo de cooperación. Tal e como informou Fernández, na sesión deste mércores aprobouse tamén o refundido do proxecto de urbanización cun orzamento de execución de 336.044,93 euros.

O proxecto expoñerase publicamente polo prazo de 20 días mediante un anuncio no BOP, notificándose esta resolución ao presidente da Xunta de Compensación, reiterándolle que o custo de execución das referidas obras de urbanización deberán ser asumidas pola referida xunta de compensación.

As obras consisten na terminación da urbanización, na igualación das cotas das rúas, no alumeado público e en conectar o saneamento. O seguinte paso será a licitación do proxecto, que unha vez rematado permitirá a recepción das obras de urbanización, polo que os veciños dispoñerán de todos os servizos municipais axeitados.

Convenio Deputación 

A Xunta de Goberno “deu luz verde a un convenio de colaboración coa Deputación de Lugo para executar a construción dun cobertizo de madeira e delimitar as zonas verdes da Carballeira de Nadela”, anunciou Fernández. Con este convenio, a Deputación desenvolverá as obras por importe máximo de 48.394,24 euros. “Este é un claro exemplo de colaboración entre institucións, que debemos xuntar esforzos e traballar por e para os veciños de Lugo”, asegurou o voceiro.

Cobertura interina de prazas de Auxiliar de Administración Xeral

Na sesión deste mércores tamén se aprobaron as bases do proceso selectivo para a cobertura interina de prazas de Auxiliar de Administración Xeral, que ten por obxecto a elaboración dunha lista para a cobertura interina de prazas de funcionario na categoría de Auxiliar Administrativo.

O anuncio da convocatoria farase público no Boletín Oficial da Provincia de Lugo. O prazo de presentación de instancias será de 10 días naturais, contados a partir do día seguinte á publicación desta convocatoria no BOP.

Reclamacións e suxestións

Tal e como avanzou Fernández, na Xunta de Goberno deuse conta da listaxe de reclamacións e suxestións presentadas no Concello de Lugo dende o derradeiro informe, o día 7 de decembro de 2015, que foi tratado a pasada semana na Comisión Permanente de Reclamación e Suxestións. Neste período recibíronse 10 reclamacións e 5 suxestións.

As reclamacións responden ás dependencias de Policía Local (3), Transporte (2), Policía Urbana, Cultura (2), Informática e Rexistro. Por outra banda, as suxestións refírense a Policía Local, Transporte, Cultura, Medio Ambiente e Servizos Sociais. Das 10 reclamacións, 4 están resoltas e 6 pendentes en prazo. Das 5 suxestións, 1 está resolta e 4 pendentes e en prazo.

Audio 

  • Miguel Fernández, sobre o proxecto de urbanización da Louzaneta|Descargar mp3

Noticias relacionadas