O abono das expropiacións de Infanta Elena, que finaliza este venres, permitirá iniciar de xeito inmediato o seu desdobramento

A alcaldesa de Lugo, Lara Méndez, asinou hoxe unha das actas de pagamento aos titulares dos terreos, que abranguen un total de 65 parcelas cunha superficie de 5.500 m².

Logo de formalizar o abono dos predios, estes serán cedidos á Deputación Provincial para que poidan comezar as obras de forma inminente, xa que o contrato segue en vigor.

A duración do proceso obedeceu á magnitude da operación e aos condicionantes derivados da pandemia.

A rexedora destacou que “con esta obra ampliaremos a calzada aplicando solucións de mobilidade sostible e gañaremos espazos púbicos para a cidadanía”.

Mércores, 05 de maio de 2021
Fonte: 
Gabinete de Prensa
O abono das expropiacións de Infanta Elena, que finaliza este venres, permitirá iniciar de xeito inmediato o seu desdobramento

65 parcelas, 33 se expropiarán e outras 32 serán ocupadas temporalmente. Suman preto de 5.500 m² de terreo, pertencentes a 65 propietarios aos que o Concello de Lugo comezou hoxe a compensar con 132.639 euros.

A alcaldesa, Lara Méndez - acompañada polo edil de Sostibilidade Urbana, Álvaro Santos - asinaba esta mañá unha das actas de pago, que se saldarán ao completo esta semana, logo dun proceso que se prolongou no tempo, primeiro pola magnitude da operación pero tamén polos condicionantes que impuxo a pandemia. “Xa que non só houbo unha decena de alegacións a este proxecto de expropiacións, que tivemos que resolver, senón que tamén algunhas delas foron tidas en conta o que obrigou a modificar o documento dilatando a súa aprobación definitiva”.

A rexedora indicou hoxe que, despois das sucesivas citacións previstas até o venres coas que se liquidará o abono total das compensacións económicas aos titulares dos predios, estes serán cedidos a vindeira semana á Deputación Provincial, “que xa poderá iniciar de inmediato as obras ao ter chegado a un acordo coa empresa concesionaria dos traballos para non rescindir o contrato, polo que a adxudicación inicial segue en vigor”, anunciou Méndez.

A intervención posibilitará, alén dunha ampliación da calzada, a creación de novos espazos para o esparexemento público.

“O desdobramento de Duquesa de Lugo – abondou a alcaldesa - permitirá non só ampliar a calzada para dotala de dous carrís de circulación en cada sentido, con itinerarios peonís accesibles en ambas marxes e carril bici, senón que tamén se humanizará a vía, incluíndo solucións de mobilidade sustentables e efectivas que concilien a transeúntes e ciclistas”.

O treito afectado polas obras - comprendido entre o cruce coa rúa Monte Faro e a rotonda de intersección coa Avenida Paulo Fabio Máximo - pasará a contar, así mesmo, cos servizos de abastecemento, saneamento e iluminación pública, tendo en conta a situación actual e as demandas futuras como pode ser o desenvolvemento de solo urbano non consolidado e do chan urbanizable previstos no PXOM.

A intervención redundará igualmente nunha mellora das condicións de seguridade do tráfico, nun punto da capital con moito tránsito xa que se trata dun dos principais accesos de entrada ao centro da cidade.

Audio

  • A alcaldesa de Lugo, Lara Méndez, sobre o pago das expropiacións en Duquesa de Lugo | Descargar mp3

Noticias relacionadas