Miguel Fernández: “É un orgullo que o nome de Lugo estea unido a unha raza de prestixio internacional como é a Rubia Gallega”

O alcalde de Lugo asistiu ao acto de homenaxe ás e aos gandeiros xubilados de Acruga, nunha celebración na que se puxo en valor o seu traballo a prol da Raza Rubia Gallega.

Venres, 27 de xuño de 2025
Fonte: 
Gabinete de Prensa
Miguel Fernández: “É un orgullo que o nome de Lugo estea unido a unha raza de prestixio internacional como é a Rubia Gallega”

O alcalde de Lugo, Miguel Fernández, participou esta mañá no acto de homenaxe que a Asociación de Criadores de Raza Rubia Gallega, Acruga, fixo a algo máis de vinte gandeiras e gandeiros xubilados este ano e a outros criadores que tamén traballan desde hai anos pola mellora da raza e asistindo a poxas de gando, a feiras e certames, “contribuíndo á expansión e á promoción da raza”.

O rexedor quixo poñer en valor o traballo, o esforzo e a implicación dos gandeiros de rubia galega que “tanto fan pola mellora dun dos nosos sectores máis importantes na provincia e no noso municipio, como é o do vacún de carne, que é parte da nosa esencia e da nosa identidade”.

De feito, Miguel Fernández lembrou que “só no municipio de Lugo hai 35 explotacións, con máis de 600 animais, o que supón máis granxas que as que hai activas no resto das comunidades autónomas do país, agás Galicia, polo que o peso do sector é máis que patente”.

Pouco antes da entrega de premios e distincións aos homenaxeados, o rexedor lucense sinalou que “desde o Concello de Lugo estamos comprometidos co rural, unha parte importantísima e crucial do noso municipio, eminentemente agrogandeiro”. Por este motivo, sinalou, “temos que dar as grazas tanto aos gandeiros e gandeiras como a Acruga, polo seu traballo para poñer en valor a nosa raza autóctona de carne, por levar o nome de Lugo por tantos e tantos países e por que o noso municipio estea unido de forma indisoluble a unha raza de gran prestixio e recoñecemento internacional”.

Multimedia

  • Miguel Fernández: “É un orgullo que o nome de Lugo estea unido a unha raza de prestixio internacional como é a Rubia Gallega”
  • Miguel Fernández: “É un orgullo que o nome de Lugo estea unido a unha raza de prestixio internacional como é a Rubia Gallega”

Noticias relacionadas