A Mesa de Negociación do Concello de Lugo acorda a reestructuración da Policía Local lucense

Martes, 30 de setembro de 2008
Fonte: 
Gabinete de Prensa

O Concelleiro de Protección da Comunidade e Réxime Interior, José Rábade, deu conta do acordo adoptado na Mesa de Negociación do Concello de Lugo relacionada coa Policía Local e na que participaron os representantes dos traballadores do Concello.

Este acordo, que terá que ir a Pleno, inclúe a reestructuración, reclasificación e creación do Corpo de Policía de Mobilidade, e contou co apoio da CIG, de Candidatura Independente e coa abstención de AFI. Supón a adaptación deste corpo, á Lei de Coordenación de Policías Locais de Galicia que implica que "os policías que actualmente son grupo D na administración, pasan a grupo C sendo obrigatorio que teñan o título de Bacaharel Superior. Este acordo establece a integración dos Auxiliares de Policía no corpo de Policía Local e recolle a reestructuración da policía tendo en conta o modelo presentado aos sindicatos hai un ano que inclúe a figura de policía de Mobilidade".

O novo organigrama aprobado, fixa unha Dirección Xeral de Policía e Seguridade, unha xefatura do corpo, dúas intendencias facultativas -Intendencia de Prevención de Conductas Asociais, Planificacións, Innovación e Formación, e unha Inspección Principal de Calidade- e unha división descentralizada, unha de coordenación e unha centralizada, que marcan o operativo que se desenvolverá na policía.

O obxectivo desta reestructuración, presentada xa aos sindicatos hai un ano, é tratar de dar resposta ás novas necesidades que se plantexan na sociedade.

O responsable de Protección da Comunidade, fixo fincapé nos aspectos económicos que se trataron na xuntanza. Os tres sindicatos que rexeitaron este acordo, -CC.OO, UXT e CSI-CSIF- plantexaban un aumento de 380 euros para a Policía Local, cifra inasumible para o Concello, sobre todo tendo en conta que representa unha suba de case o 30% do salario deste grupo de funcionarios públicos, e supón un gasto de máis dun millón e medio de euros. Para Rábade "é unha proposta inxusta para o resto dos traballadores do Concello que non poderían acceder a melloras económicas previstas no capítulo I dos orzamentos", que non se pode incrementar máis dun 20%.

O acordo adoptado hoxe contempla un pago de 60 euros como plus de nocturnidade "esta proposta farase extensiva a partir do 1 de xaneiro ao resto dos traballadores do Concello que fagan noites, como bombeiros ou ETAP por exemplo".

Ademais, a Policía terá unha suba dun punto no complemento de destino, que lles permite pasar a cobrar o nivel 17. É dicir, a proposta aprobada pola mesa negociadora é a de incrementar en 83 euros o soldo da Policía Local de Lugo.

Neste momento un Policía Local con turno de día cobra 1.602 euros, e con turnos de noite, 1.656 euros.

Rábade quixo deixar claro que "este equipo de goberno sempre estivo aberto á negociación. Nós non fomos os que pechamos as portas e sempre estivemos dispostos a chegar a acordos", pero matizou que sen chantaxes e sen que a cidadanía sexa a perxudicada.

Noticias relacionadas