Méndez reúnese cos directores dos colexios para coñecer as súas necesidades e coordinar os horarios dos centros e dos conserxes

A alcaldesa, xunto coa concelleira Paula Alvarellos, establece un protocolo cos centros escolares para atender as particularidades horarias de cada un deles.

Mércores, 17 de novembro de 2021
Fonte: 
Gabinete de Prensa
Méndez reúnese cos directores dos colexios para coñecer as súas necesidades e coordinar os horarios dos centros e dos conserxes

A Alcaldesa de Lugo, Lara Méndez, mantivo hoxe unha reunión cos directores e directoras dos colexios públicos co obxecto de coñecer de primeira man as súas necesidades. Nesta reunión, na que estivo acompañada da tenente de alcaldesa e concelleira de Gobernanza, Paula Alvarellos, abordáronse especialmente os temas relativos ao persoal municipal que traballa nos centros escolares, os conserxes, para coordinar os seus horarios ás circunstancias de cada centro escolar.

Na xuntanza, a rexedora fíxolles chegar a súa vontade de dar resposta ás necesidades vinculadas tanto ao horario lectivo como ás actividades extraescolares dos colexios, sempre tendo en conta a xornada laboral dos funcionarios municipais, de 37’5 horas semanais, e as súas funcións, establecidas na RPT aprobada no 2020.

Entre os seus cometidos está a apertura e peche das instalacións, a atención telefónica, presencial ou telemática, o coidado do material, o control e apagado da calefacción e da electricidade e a realización de pequenas tarefas de mantemento que non requiran cualificación específica, etc.

Os directores quedaron en que mandarían as súas propostas durante esta semana, para que desde a área de Gobernanza poidan conciliar as mesmas cos horarios do equipo de conserxes. Así mesmo, estableceuse un protocolo de actuación e comunicación entre o Concello e os centros para atender con axilidade os seus requirimentos.

Así mesmo, informáronlles que as baixas se están a resolver de xeito inmediato tras a posta en marcha das bolsas de traballo.

Noticias relacionadas