A exposición interactiva, que inclúe proxeccións de realidade virtual, pode visitarse no MIHL ata o vindeiro 30 de marzo.
A exposición formou parte da Expo City Dubai 2023.

A concelleira de Cultura, Turismo e Promoción da Lingua, Maite Ferreiro, acompañada pola edil Iria Buide, visitou a exposición "Evolución desde a imperfección: Arte, realidade virtual e neurociencia" da artista Silvia Sánchez, que se pode ver nas instalacións do Museo Interactivo da Historia de Lugo. Esta mostra, que estará aberta ao público ata o 30 de marzo, presenta unha fusión única entre arte tradicional e tecnoloxía de vangarda, ofrecendo unha experiencia inmersiva que combina pintura, escultura, realidade virtual e neurociencia.
A exposición está baseada en sete cadros orixinais da artista Silvia Sánchez, dos cales cinco están expostos fisicamente xunto con dúas esculturas. O que fai única esta mostra é a animación dixital destes cadros, que poden ser apreciados en 3D e 360 graos mediante lentes de realidade virtual.
A obra que conforma esta exposición céntrase na figura da muller, transmitindo unha poderosa mensaxe de empoderamento. A súa linguaxe pictórica, caracterizada pola imperfección e a asimetría, convida aos visitantes a reflexionar sobre a beleza na imperfección e a necesidade de evolucionar coas nosas propias fraxilidades e fortalezas.
A mostra presenta ao público os resultados dun experimento pioneiro a nivel mundial que combina arte e neurociencia. Realizado en colaboración con TECNALIA, este estudo mediu a resposta emocional dos espectadores durante a visualización da experiencia inmersiva, demostrando o impacto positivo da arte na sociedade.
Evolución desde a imperfección: arte, realidade virtual e Neurociencia chega a Lugo despois dunha importante itinerancia por todo o mundo, formando parte no ano 2023 da Expo City Dubai, "o que destaca a súa relevancia e interese, ademais da innovación deste proxecto", afirmou Maite Ferreiro.
Maite Ferreiro animou á veciñanza a visitar "unha exposición única, unha oportunidade excepcional para experimentar a converxencia entre arte tradicional e tecnoloxía dixital, ereflexionar sobre o papel da arte na sociedade contemporánea".
Traxectoria da artista
Silvia Sánchez, nada en Bilbao en 1970, dedicouse profesionalmente á arte hai máis de 15 anos, tras deixar o mundo do dereito. A súa obra, que ten sido exposta en diversos países como España, Portugal, Suíza, México e Emiratos Árabes, reflicte unha profunda análise psicolóxica do mundo da muller.
Audio
- A concelleira de Cultura, Turismo e Promoción da Lingua, Maite Ferreiro, sobre a exposición no MIHL | Descargar mp3



