A edil de Cultura destacou a colaboración do Concello con esta fundación "que nos permite traer a Lugo unha exposición relevante cada ano".
Nos últimos anos as exposicións trataron sobre Leonardo Da Vinci, o cine ou o sistema solar.

A concelleira de Cultura, Maite Ferreiro, mantivo unha xuntanza coa responsable cultural da Fundación Caixabank para afondar na colaboración entre ambas entidades, unha cooperación que, segundo destacou a edil, “permítenos traer a Lugo cada ano unha exposición relevante, achegando á veciñanza propostas culturais de primeiro nivel”.
Ferreiro salientou o compromiso da Tenencia de Alcaldía por facilitar o acceso da veciñanza á cultura e poñer en valor o traballo con entidades como a Fundación Caixabank. Nos últimos anos, a colaboración entre o Concello de Lugo e a Fundación Caixabank fixo posible a chegada á cidade de mostras como “Leonardo da Vinci. Arte na rúa. Observa, cuestiona, experimenta”, que permitiu ás persoas visitantes profundar no pensamento innovador de Leonardo Da Vinci, a exposición “Empieza el espectáculo. Georges Méliès y el cine de 1900”, que trasladou ao público ao ambiente dos inicios do cine e á maxia do cinematógrafo; así como unha mostra sobre o sistema solar, achegando contidos científicos á rúa.
Ferreiro reiterou a vontade da área de Cultura para continuar traballando man a man coa Fundación Caixabank para seguir ofrecendo á cidade propostas culturais de calidade, “reforzando o papel de Lugo como referente cultural en Galiza”.

