Maite Ferreiro presentou os horarios e lugares da cabalgata de Reis “estática e segura”

A edil de Cultura visitou a praza Horta do Seminario, onde se está a habilitar un dos recintos para que os Magos reciban ás nenas e nenos o 5 de xaneiro

A área de Cultura habilitará espazos na praza Horta do Seminario e en Augas Férreas para que os Magos poidan estar a disposición de todas as nenas e nenos de Lugo

Mércores, 30 de decembro de 2020
Fonte: 
Gabinete de Prensa
Maite Ferreiro presentou os horarios e lugares da cabalgata de Reis “estática e segura”

A concelleira de Cultura, Turismo e Promoción da Lingua, Maite Ferreiro, visitou a praza Horta do Seminario, que nestes días se está a habilitar para a chegada dos Magos de oriente o vindeiro 5 de xaneiro. “Desde a área de Cultura estivemos traballando con todas as posibilidades para facer un espectáculo seguro tendo en conta as restricións ditadas polas autoridades sanitarias”, explicou Maite Ferreiro, que engadiu “as nenas e nenos de Lugo poderán ver aos Magos durante todo o día 5, en distintos horarios, e en distintas zonas da cidade para evitar masificacións”.

Os Magos chegarán na mañá do martes 5, e entre as 11 e as 14 horas recibirán ás nenas e nenos que se acheguen á praza Horta do Seminario. Na xornada da tarde, entre as 17 e as 20 horas, poderanse visitar no recinto habilitado na praza de Augas Férreas. “Este ano a cabalgata será distinta, sen carrozas nin caramelos, mais desde a área de Cultura traballamos permitir que todas as nenas e nenos de Lugo puideran saudar aos Magos dun xeito seguro”, afirmou a edil de Cultura.

Mostra de arte ARTERITE

A praza Agro do Rolo acollerá entre os días 2 e 5 de xaneiro a mostra de arte ARTERITE, onde 12 artistas da nosa cidade mostrarán e venderán parte dos seus traballos nesta en horario de 11 a 14h e de 16:30 a 20h e que contará coa ambientación musical de 4 DJs. Maite Ferreiro explicou que “por medio desta iniciativa queremos apoiar ao tecido cultural amateur e abrir portas a proxectos e persoas que aínda non se deron a coñecer ou que nunca se atreveron a participar nun evento destas características”.

A actividade terá lugar na carpa habilitada na praza Agro do Rolo e contará con medidas de control de cabida. Para o acceso á mesma será de obrigatorio cumprimento o distanciamento social e o uso de xel hidroalcohólico.

Audio

  • A concelleira de Cultura, Turismo e Promoción da Lingua, Maite Ferreiro, sobre a Cabalgata de Reis | Descargar mp3

Multimedia

  • Maite Ferreiro presentou os horarios e lugares da cabalgata de Reis “estática e segura”

Noticias relacionadas