Máis de 3.800 espectadores presenciaron os 13 espectáculos da V Semana da Danza

Carmen Basadre deu a coñecer estas cifras ao tempo que subliñou o éxito que acadou unha edición máis esta programación que pretende divulgar a actividade de danza que se fai na cidade

Xoves, 05 de maio de 2016
Fonte: 
Gabinete de Prensa

Máis de 3.800 espectadores presenciaron as 13 interpretacións enmarcadas dentro da V Semana da Danza, organizada polo Concello de Lugo a pasada semana, tanto no Auditorio Municipal Gustavo Freire como na Praza Maior e no HULA.

A Concelleira de Cultura, Turismo, Xuventude e Promoción da Lingua, Carmen Basadre, deu a coñecer estas cifras ao tempo que subliñou o éxito que acadou unha edición máis esta programación que pretende divulgar a actividade de danza que se fai na cidade.

Os espectáculos da danza que máis interese espertaron foron o de Don Quijote, a cargo do Ballet Norte e de centros de Danza de Galicia, que reuniu o pasado martes no auditorio a máis de 820 escolares de primaria en sesión de mañá e unhas 340 persoas en sesión de tarde. De seguido, a máis numerosa foi a actuación das escolas de danza de Lugo do pasado sábado, á que asistiron máis de 820 persoas.

Polo que respecta ás demais actuacións, á mostra do repertorio do alumnado de Grao Profesional da Especialidade Danza Clásica do Conservatorio de Danza de Lugo asistiron máis de 300 persoas, ao espectáculo The Mathematics of the Resonant Bodies foron máis de 150 persoas, ao concurso coreográfico do Consevatorio de Danza, máis de 500 asistentes e ao encontro de centros de danza clásica e contemporánea de galicia, máis de 400. A estes asistentes hai que sumarlle o numeroso público que se achegou á Praza Maior para observar o baile das academias Espazo 10, Gravitty, Star Dance, Ritmo Lugo, así como aos talleres impartidos por estas últimas tres escolas na área de pediatría do HULA.

Noticias relacionadas