Lugo volverá a gozar coa mellor versión do teatro clásico

Carmen Basadre presentou a XVI Mostra do Teatro Clásico que acollerá o Auditorio Municipal Gustavo Freire do 11 de febreiro ao 12 de marzo e que este ano rende homenaxe a Cervantes no 400 aniversario do seu falecemento

Os interesados en asistir poden adquirir bonos a través de www.entradaslugo.es do 27 de xaneiro ao 11 de febreiro e as entradas dende o 11 de febreiro nesta mesma plataforma, no auditorio e no Centro de Interpretación da Muralla

Martes, 26 de xaneiro de 2016
Fonte: 
Gabinete de Prensa
Carmen Basadre

A Concelleira de Cultura, Turismo, Xuventude e Promoción da Lingua, Carmen Basadre, presentou este martes no Salón de Plenos a XVI Mostra de Teatro Clásico, que acollerá o Auditorio Municipal Gustavo Freire do 11 de febreiro ao 12 de marzo. Trátase dunha mostra que inclúe ademais dunha sección oficial de representacións, unha sección off, con actividades na rúa ou espectáculos de pequeno formato. Este último programa terá lugar dende o sábado 13 ao sábado 20 de febreiro na Mosqueira, na Praza Maior, na Praza de Santa María e no recinto histórico, ademais do auditorio.

Durante a presentación, que arrancou cunha interpretación de Paloma Lugilde, Basadre subliñou a relevancia desta mostra, “que co paso dos anos se convertiu nun clásico nos circuítos teatrais de Galicia, acollendo os mellores espectáculos de teatro clásico e actores de renome, e que este ano, no 400 aniversario do falecemento de Cervantes, rende homenaxe a máxima figura da literatura española”.

A edil, quen convidou a todos os lucenses a asistir, agardando superar a participación da pasada edición, unhas 6.000 persoas, anunciou os prezos para asistir ás funcións teatrais, que un ano máis se manteñen. Na zona A serán 10 euros e na zona B 8 euros, que contarán con desconto do 20% para persoas desempregadas, menores de 30 anos, pensionistas e artistas membros da Asociación de Actores e Actrices de Galicia. As obras do programa off terán un prezo único de 5 euros e non entrarán nos bonos, que se estableceron para as 7 das funcións, e que custan entre 35 e 45 euros dependendo da zona.

Os bonos poderán mercarse a través do portal web www.entradaslugo.es do 27 de xaneiro ao 11 de febreiro e as entradas a través desta mesma plataforma dende o 11 de febreiro ata 3 horas antes de cada función, no auditorio, os venres entre o 12 de febreiro e 11 de marzo, das 18:00 ás 21:00 horas e o día da función dende unha hora antes do comezo do espectáculo e no Centro de Interpretación da Muralla. As persoas que adquiran entrada con desconto deberán acreditarse na porta de acceso.

Programación

O programa da sección oficial inclúe as sete representación, El Eunuco, El Retablo de las Maravillas, La Hermosa Jarifa, Medea, Sanchica, Princesa de Barataria, Hamlet e Teresa o el sol por dentro. Todas as funcións terán lugar ás 20:30 horas.

Dentro do programa da sección off terá lugar un taller de arte dramática polas rúas de Lugo así como unha representación do Quixote e a obra Royal Flush, que se fará 100% en inglés, como novidade desta edición.

Maridaxe de teatro e gastronomía

Nesta edición da mostra, e por segundo ano consecutivo, mistúrase teatro e gastronomía, xa que 9 restaurantes da cidade crearán unha tapa inspirada nas obras teatrais que se representarán no auditoiro, e que se poderán degustar entre o 11 de febreiro e o 12 de marzo por un prezo de 2 euros. Os establecementos participantes son Arrocería os Cachivaches, Canela Bakery Coffee, Mesón de Alberto, Restaurante Antas de Ullas, Restaurante Campos, La Encina, Mangiarte, Manuel Manuel e Paprica. Ao acto de presentación desta mañá tamén asistiron diversos representantes destes locais.

“Misturamos cultura con gastronomía, dous dos nosos grandes patrimonios, co obxectivo claro de darlle un impulso ao turismo da cidade”, asegurou Basadre.

Neste senso, a Concelleira aclarou que as primeiras 50 persoas que compren un bono a través de www.entradaslugo.es e as primeiras 20 que o fagan no auditorio, así como as 50 primeiras persoas que adquiran unha entrada a través da plataforma electrónica e as primeiras 20 que o fagan no auditorio recibirán un vale que será canxeable por unha tapa.

Audios

  • Carmen Basadre, sobre a XVI Mostra do Teatro Clásico (I) |Descargar mp3
  • Carmen Basadre, sobre a XVI Mostra do Teatro Clásico (II) |Descargar mp3

Máis info

Multimedia

  • Cartel XVI Mostra do Teatro Clásico

Noticias relacionadas