Lugo locerá máis fermoso polo Nadal, co concurso de decoración de escaparates e establecementos do Concello

A entidade local, en colaboración coa Federación de Comercio de Lugo, pon en marcha un ano máis este certame para promover a creatividade dos empresarios e para fomentar o espírito do Nadal

Os establecementos interesados en participar poden inscribirse de xeito gratuíto ata as 15:00 horas do día 15 de decembro, no 010 ou no teléfono 982-25-51-20. Fíxanse tres premios de 800, 400 e 200 euros respectivamente

Martes, 06 de decembro de 2016
Fonte: 
Gabinete de Prensa

O Concello de Lugo ten aberto o prazo de inscrición para participar no Concurso de decoración de escaparates e establecementos no Nadal 2016. Trátase dun certame que pon en marcha un ano máis a entidade local, en colaboración coa Federación de Comercio, para promover a creatividade dos empresarios de xeito que os seus establecementos sexan máis atractivos e fomenten o espírito do Nadal.

Todos os establecementos comerciais que se encontren situados no termo municipal de Lugo interesados en participar poden inscribirse de xeito gratuíto ata as 15:00 horas do vindeiro xoves, 15 de decembro. Os interesados deberán formalizar a inscrición ben no Servizo de Información Cidadá 010 ou no teléfono da Federación de Comercio, 982-25-21-20.

Establécense un total de tres premios para tres establecementos seleccionados por un xurado profesional, un primeiro premio de 800 euros, un segundo de 400 euros e un terceiro de 200 euros. Todos os locais premiados recibirán tamén un diploma e serán publicitados nos medios como gañadores.

Os escaparates e establecementos deberán estar rematados antes do día 21 de decembro, debendo permanecer decorados ata o 7 de xaneiro. Nos escaparates deberá colocarse un distintivo, facilitado polo Concello, no que se acredite a participación do establecemento neste concurso.

O xurado estará integrado por un fotógrafo, un decorador e un escapartista que valorarán os materiais empregados, a dificultade do proceso de elaboración, a orixinalidade, o emprego de elementos da propia actividade e a ornamentación e a vistosidade do traballo, entre outros.

Máis info

  • Bases para o Concurso de Decoración de establecementos e escaparates | Descargar pdf

Noticias relacionadas