Lugo entrega os premios do seu concurso de contos e relatos curtos

A Alcaldesa e o Concelleiro de Educación entregaron este mércores os premios aos 6 gañadores e gañadoras deste certame, co que o Concello busca fomentar a creatividade literaria entre os mozos e mozas

Mércores, 11 de xaneiro de 2017
Fonte: 
Gabinete de Prensa
Lugo entrega os premios do seu concurso de contos e relatos curtos

A Alcaldesa de Lugo, Lara Méndez, e o Concelleiro de Educación e Infraestruturas Urbanas, Manuel Núñez, entregaron este mércores no Salón de Plenos os premios do XXII Certame e contos e relatos curtos Trapero Pardo. Trátase dun concurso posto en marcha un ano máis polo Concello para contribuír a fomentar a creatividade literaria entre os mozos e mozas de calquera centro educativo da provincia de Lugo e ensino non universitario. No acto tamén estivo presente o Presidente do Xurado, Xosé Manuel Castro.

Durante o acto, a rexedora felicitou "aos gañadores, así como a todos os participantes neste certame, pola valentía de presentar os seus traballos, e á comunidade educativa por favorecer, apoiar e incitar aos seus alumnos á participar neste e noutros concursos literarios".

Na categoría de 12 a 14 anos, os galardoados foron Santiago García, Lucía Careira e Carlos López, como primeiro, segundo e terceiro clasificados. De 15 a 18 anos foron, pola mesma orde, Andrea Arias, Sonsoles Quiroga e Roque Fernández.

O certame ofrecía 3 premios, en lotes de libros para os tres primeiros clasificados con valor de 200, 100 e 70 euros para os participantes de 12 a 14 anos; e de 250, 130, e 70 euros para aqueles de 15 a 18 anos.

Noticias relacionadas