Lugo daralle a benvida este venres ao Nadal

O Concello ten preparada unha festa de benvida a partir das 18:00 horas na Praza Maior. Haberá un photocall e reparto de globos entre os nenos e nenas

A iluminación comezará a lucir esa mesma tarde, na que tamén se celebrará un acto institucional, ás 18:30 horas. Posteriorme, terá lugar unha actuación do grupo de pandereiteiras da Escola Municipal de Música e unha chocolatada

Martes, 11 de decembro de 2018
Fonte: 
Gabinete de Prensa
Lugo daralle a benvida este venres ao Nadal

Lugo recibirá este venres ao Nadal, con distintos actos lúdicos, a partir das 18:00 horas na Praza Maior. O Concello convida aos veciños e veciñas a achegarse a diante da Casa Consistorial para este momento tan máxico e agardado, tanto por adultos como polos pequenos e pequenas da casa. O Goberno ten preparada unha festa de benvida na que gozar dun photocall, no que a cidadanía se poderá facer fotografías e compartilas nas redes sociais co hastag #NadalLugo; e na que ilusionarse co reparto de globos entre os nenos e nenas.

A iluminación de Nadal comezará a lucir esa mesma tarde, na que tamén haberá un acto institucional, ás 18:30 horas. Todos os veciños e veciñas que se achegen, posteriormente poderán deleitar os seus oídos coas panxoliñas do grupo de pandereiteiras da Escola Municipal de Música e saborear unha chocolatada final con churros, entre outras sorpesas. O chocolate que se repartirá será sen gluten, e tamén haberá doces sen gluten.

O Nadal do 2018, co 53% máis de puntos de alumeado

Este ano, Lugo terá 341 puntos de alumeado, un 53% máis que no 2017; entre arcos, rótulos, motivos en farolas, figuras e iluminación do quiosco da Praza Maior e as fachadas do Concello e o Vello Cárcere. Con respecto a anos anteriores, incorpóranse as seguintes localizacións: motivos nas farolas da Avenida Ramón Ferreiro, unha figura na Praza do Camiño Primitivo, arcos en Curros Enríquez, unha bola e rótulos no fondo da Praza Maior, un adorno no pedestal da aguia da Praza de Santo Domingo, o exterior da Praza de Abastos e do Mercado Municipal e a fachada do  Vello Cárcere. Tamén haberá alumeado na rúa do Carme (nas farolas enfronte á Sala de Exposicións de Porta Miñá), no Carril dos Loureiros, na rúa Vilalba, no cruce de Recatelo con Carril dos Loureiros e Isaac Díaz Pardo; na escalinata de Renfe, no cruce da rúa Castelao con Miguel de Cervantes, na rúa Divina Pastora, na rúa Monforte e nas rúas Conde e río Eo. Ademais, reforzarase a Avenida da Coruña, por primeira vez completa, a rúa Montero Ríos e San Roque.

Como os anos anteriores, os arcos da escalinata Fontiñas-San Eufrasio, carril das Frlores, rúa San Pedro, Praza Maior, rúa Catedral, Calzada da Ponte terán un deseño uniforme e alegórico ao Camiño de Santiago.

Noticias relacionadas