Lara Méndez: “O arranxo da N -VI en Nadela terá unha repercusión moi positiva na fluidez do tráfico que asume este acceso á capital”

A rexedora coñeceu in situ, acompañada da subdelegada do Goberno, Isabel Rodríguez, a evolución dos traballos de rexeneración do firme que o MITMA está a executar nesta vía.

Xoves, 09 de xuño de 2022
Fonte: 
Gabinete de Prensa
Lara Méndez: “O arranxo da N -VI en Nadela terá unha repercusión moi positiva na fluidez do tráfico que asume este acceso á capital”

A alcaldesa de Lugo, Lara Méndez e a subdelegada do Goberno, Isabel Rodríguez, supervisaron esta mañá os traballos que o Ministerio de Transportes, Mobilidade e Axenda Urbana leva a cabo na glorieta da N-VI, á altura do punto quilométrico 493+800, en Nadela, onde se está a rehabilitar o firme para reparar os foxos e fochancas orixinados polo seu uso, co obxectivo de mellorar tanto a comodidade como a seguridade do tráfico rodado.

Os labores, que comezaron ás 8 da mañá, rematarán á mesma hora do venres 9 de xuño, de maneira que a circulación está sendo derivada a través dos desvíos habilitados ao efecto.

A rexedora lucense quixo aproveitar a ocasión para poñer en valor “a execución dos compromisos que o Goberno central adquiriu co noso municipio e que xa se están a materializar. Obras e dotacións moi importantes para a vertebración do territorio nun momento de recuperación económica e social no que Lugo non quere nin pode quedarse descolgado do resto do país”, destacou.

“Estes traballos, nunha das principais vías de entrada á capital, redundarán na seguridade e a fluidez do tráfico. Un obxectivo ao que tamén contribuirá a rotonda en Alfonso X – durante anos esquecida nos caixóns dos despachos do Partido Popular. Falamos de melloras na electrificación da vía férrea así como do avance no proxecto da Estación Intermodal. Actuacións, todas elas, transcendentais, que colaboran, que van en consonancia e que resultan imprescindibles nese modelo de cidade que, dende 2015 estamos a construír e que, se ben se basean no crecemento sostible dun Lugo activo, dinámico e atractivo, precisan de estradas, de conexións modernas e útiles que nos axuden a proxectar o que somos, aquelo no que nos estamos a converter, pero que tamén favorezan a industrialización e o emprendemento. Infraestruturas que independentemente do investimento que implican no presente, serán sinónimo de futuro, dun bo futuro para Lugo”, concluíu Lara Méndez.

Noticias relacionadas